O IDAE confirma que a xustificación da rúa Progreso está ben e informa e autoriza o abono de 612,802,77 euros ao Concello de Silleda
- ecosdacomarca
- 16 mar 2024
- 4 Min. de lectura
“Lamentablemente a confirmación chegou xusto ao rematar un pleno, no que ironías da vida, tanto BNG como PP se adicaron a cuestionar a xestión do goberno municipal nesta obra”, indica a alcaldesa Paula Fernández
Ecos da Comarca/Silleda
A modificación de crédito por importe de 437.099,24 euros proposta polo goberno municipal de Silleda no pleno extraordinario deste venres para facer frente ás aportacións do Concello de Silleda a dúas obras cofinanciadas co programa europeo DUS 5000 ( a
mellora da praza de Bandeira e o seu entorno e a obra de Camiños Escolares Seguros ao IES Pintor Colmeiro, foi freada cos votos en contra de PP e BNG.
A alcaldesa, Paula Fernández, abriu a sesión explicando e xustificando o porqué da operación, que permitiría solicitar un crédito ponte que se amortizaría no momento en que se percibisen ingresos pendentes doutras Administracións. “O Concello de Silleda si pagou o seu, 4,5 millóns de euros no último ano para cofinanciar diversas obras, pero faltan 2,2 millóns de euros que aínda non recibimos a final de ano e non puidemos incorporar aos remanentes”, sinalou. Pena, que recalcou que esta non é unha cuestión política senón de equilibrio financieiro para solventar esta situación transitoria polo retraso
nos pagos, advirtiu que toda a tramitación ante o IDAE para cobrar os cartos adiantados da rúa Progreso -cuestión única na que se basaron os dous grupos da oposición- se realizou de forma correcta.

“Ironías da vida ao remate deste pleno no que lamentablemente primaron os intereses partidistas por riba do interese xeral da veciñanza, recibimos a confirmación do IDAE de que toda a tramitación é correcta, e na que autorizan o pago de 612.802,77 euros, que se destinarán aos remanentes do vindeiro ano”, engade. “Despois de cuestionar a nosa xestión e incluso falar de irregularidades, vemos como o principal argumento para votar en contra deste crédito e cuestionar incluso que ibamos a cobrar se cae”, explica Fernández Pena.
Repercusións
Fernández Pena xa avanzou que a non aprobación desta operación terá como primeira consecuencia renunciar á obra dos Camiños Escolares ao IES, cun investimento total de máis de 400.000 euros que humanizaría a única rúa desta zona que falta e melloraría a seguridade do alumnado que vai a pé ao centro, ademais de mellorar todo o barrio de Tras da Igrexa. “Teremos que facer tamén moitos axustes para poder pagar a anualidade da obra da Bandeira, que xa está en marcha”, explicou a rexedora, que tamén avanzou a diminución nas colaboracións con eventos festivos, culturais, actividades deportivas…
Publicidade
Do mesmo xeito, apuntou que se comezará a traballar na realización dun orzamento, sinalando tamén que se corre o risco de perder outras actuacións como a renovación do viario no polígono Área 33 ou a renovación do parque infantil de Laro, pendentes de subvencións autonómicas pero nas que tamén sería preciso facer aportación municipal.
O BNG explica os motivos polos que decidiu votar en contra
O grupo municipal do BNG de Silleda decidiu votar en contra da proposta do goberno silledense de formalizar un crédito a longo prazo por valor de 437 mil euros. Os nacionalistas non comparten as explicacións dadas pola alcaldesa para xustificar a
necesidade dese préstamo e cren "que se trata dunha manobra para esconder a mala
situación económica na que se atoparían as arcas municipais".
Así, a voceira local, Erea Rey, denunciou que unha das razóns pola que as administracións están retrasando os pagos das subvencións comprometidas se debe a
problemas na xestión de obras: “Vímolo na obra do Concello, onde se realizaron
modificacións sen autorización do pleno, e vémolo na rúa Progreso, onde o Concello
permitiu á construtora unha demora de 7 meses no remate das obras e decidiu non
aplicar ningunha penalización. Por iso veñen os requirimentos doutras administracións,
pedindo explicacións antes de proceder ao pagamento, e só desas dúas obras están
pendentes de cobrar 1,2 millóns”.
Sobre iso, desde o BNG apelan á responsabilidade para non incrementar a débeda municipal, "que ascende xa a 2,4 millóns de euros e temen a situación na que quedarían
as arcas municipais no caso de que problemas na execución das obras impedisen
finalmente cobrar as subvencións". A este respecto, desde o BNG recordan que, "segundo datos municipais, os gastos totais superan ós ingresos estimados nuns 900 mil euros por ano, e propoñen que o destino das subvencións pendentes doutras administracións sexa atender os servizos básicos que hoxe son deficitarios (lixo, auga, SAF) en lugar de subir as taxas municipais".
Tamén queren facer fincapé nas declaracións do anterior alcalde, tanto no momento da
toma de posesión do actual mandato como no momento da segunda dimisión, hai tan
so dous meses, "nos que presumiu dunha presunta boa situación económica que agora
vese desmentida pola realidade". “Nos últimos anos o goberno non fixo máis que
subcontratar servizos, incrementando os gastos pero sen preocuparse de como
financialos. A foto de hoxe é que os gastos superan os ingresos en cerca de 900 mil
euros e o por iso levamos dous anos sen presuposto”, comentou Erea Rey durante o
pleno.
Publicidade
No quenda de réplica, o concelleiro nacionalista Xerardo Díaz interveu para dicir que
“este non era un pleno para pedir un préstamo, senón para avaliar a xestión que fixeron
nos últimos anos das arcas municipais, e o resultado é preocupante”. Así, volveu facer
fincapé "na situación complicada dos vindeiros anos como resultado do desaxuste que
existe entre ingresos e gastos e rematou preguntando ao goberno se pretendían
financiar ese déficit subindo as taxas municipais".
Desde o BNG de Silleda quixeron recordar que "o Concello chegou a acumular un remanente de tesourería (aforros de anos anteriores) de 1,7 millóns de euros a finais do
ano 2020 que foron gastados integramente en tan só 3 anos. Con todo este panorama dunha administración con gastos que exceden xa amplamente os ingresos, inda tiveron a cara de chorar os 3mil euros do alcalde” ironizou Xerardo Díaz, recordando o incidente protagonizado polo anterior alcalde en xuño de 2023 cando chegou a anunciar a súa dimisión por non aceptar esa rebaixa no seu salario anual.
Comments