Nel participan seis empresas lalinenses, unha da Estrada e outra da Guarda
Laura Moure/Lalín
O I Programa de Crecemento Empresarial que impulsa a Deputación de Pontevedra a través de SmartPeme en colaboración coa Fundación Roberto Rivas xa está en marcha no Viveiro de Empresas de Lalín. A través desta iniciativa, na que están a participar seis empresas de Lalín, unha da Estrada e outra da Guarda, as persoas emprendedoras recibirán formación específica para consolidar, reorientar ou lanzar os seus proxectos empresariais nos mercados. Ao remate do programa, as persoas participantes poderán optar a tres premios ás mellores iniciativas con impacto no rural (1.500 euros), de colaboración entre participantes (1.000 euros) ou de crecemento (1.000 euros).

Son seis as empresas de Lalín seleccionadas para participar no programa. “Emprendemento con Drons”, que lanza Carlos Taboada, e trátase dun proxecto que pretende ofrecer á sociedade servizos fotográficos e audiovisuais realizados con drons. “Mundo Namaskar”, de Cristina Barreiro, que é a fusión de dous proxectos relacionados coa vida saudable. Pola súa banda “Zenlea”, que lanza María Dolores Pascual, pretende crear e consolidar unha escola de Zentangle, un método de debuxo que axuda á relaxación. “Toupiña, cerveza ecolóxica e artesá galega”, de María Elena Díaz, trátase dunha cervexería que elabora e transforma produtos agrarios. “Educalecrín”, que lanza Verónica Ledo, trátase dunha cooperativa formada por persoas con intereses e formación no campo social e medioambiental que pretende evolucionar como sociedade e crear un impacto positivo na mesma. Finalmente “Penart.es”, de Rubén Álvarez, elabora ilustracións en tinta china e noutras técnicas a través de fotografías.
Xunto ás seis empresas lalinenses atópanse outras dúas da Estrada e da Guarda. “Parque de Aromas Maruxío”, de María Rivas (A Estrada), que pretende crear unha iniciativa turística relacionada co turismo de experiencias e baseada no agroturismo e recuperación de plantas aromáticas, culinarias e medicinais. Pola súa banda “Administrativos Online”, de María Inmaculada González (A Guarda), ten por obxectivo dar apoio a persoas autónomas e pemes achegando a experiencia de persoas administrativas en diferentes sectores e departamentos.
O I Programa de Crecemento Empresarial estenderase ata o 1 de decembro no Viveiro de Empresas de Lalín, onde se está xa a ofrecer ás persoas emprendedoras apoio e asistencia en temáticas relacionadas co crecemento empresarial. Así, as oito iniciativas emprendedoras afondarán no desenvolvemento de modelos de negocio e plans de empresa, cultura sostible e responsabilidade social, mercados e competencia, produtos mínimos viables, deseño e creación de imaxes para preimpresión e medios dixitais, plan de marketing, Lego Serious Play, ferramentas de Google para axudar nos negocios, outdoor training, ferramentas de deseño para redes sociais, finanzas, deseño de presentacións eficaces e aspectos xurídicos e fiscais básicos.
Comments