No caso de non disolverse ou optar pola modernización e mellora da xestión co cambio de estatutos, Silleda seguirá os pasos de Agolada e Dozón e abandonaraa
Ecos da Comarca/Deza
O grupo socialista con representación na Mancomunidade Terras de Deza informou que non ían asistir ao pleno convocado na xornada deste mércores en sinal de protesta polo incumprimento dos acordos adoptados a finais do 2021. Ditos acordos pasaban por ter listos, como máis tardar, os novos estatutos da entidade na primeira quincena de xaneiro, así como por outorgar á Mancomunidade unha xestión eficaz.

Visto que a situación de parálise continúa, o grupo socialista ademais de optar por non asistir á sesión de onte pola tarde, solicita a disolución da entidade. O voceiro do grupo, o silledense Manuel Cuiña, explica ademais que como representante do Concello de Silleda, no caso de non disolverse, ou optar pola modernización e mellora da xestión co cambio de estatutos, Silleda seguirá os pasos de Agolada e Dozón e abandonará a Mancomunidade.
Lémbrase ademais que no pleno de outubro de 2021 os socialistas votaron a favor do incremento nas aportacións por responsabilidade, se ben dende aquela non se deu nin un só paso para mudar a situación de estacamento e nula xestión da entidade.
Comments