Os traballos comezarán de inmediato coa reforma e o acondicionamento da
planta baixa para ubicar a Escola Infantil na actual zona de Secretaría
Laura Moure/Lalín
Grupo Scientia School ten previsto realizar durante os meses do verán un investimento de 250.000 euros no acondicionamento e mellora das instalacións do seu colexio de Lalín co obxectivo de que os traballos estean rematados antes do comezo do curso 2021-22.
A actuación programada, que comezará a executarse de inmediato contando con
provedores locais, consistirá fundamentalmente na reforma interior da planta baixa do
edificio principal para ubicar a Escola Infantil na zona actualmente ocupada polos despachos de Secretaría. Ademais, tamén está previsto reparar e substituír parte da cuberta para eliminar filtracións e humidades que afectaban a toda a estrutura do edificio, o que permitirá habilitar novos usos na planta máis alta do inmoble.
As obras tamén alcanzarán á zona da entrada e o patio exterior, onde se realizarán tarefas
de mantemento para mellorar a imaxe e eliminar puntos críticos e zonas de risco. Concretamente, un dos responsables dos traballos, o arquitecto Pablo González, avanzou
que “será necesario talar algunha árbore con evidente risco e ameaza para o edificio na esquina entre a rúa Penatoares e a Rúa Banda de Música de Lalín, onde están a piques de
provocar o derrubamento do muro de peche e tamén afectan a esa fachada”.
A árbore que talarán.
Pola súa parte, o director pedagóxico do Grupo Scientia School, Miguel Ángel Guerra,
enmarca esta actuación “no compromiso firme de Scientia co futuro do colexio de Lalín e
coa mellora continua do seu proxecto educativo”. “Esta adecuación e redistribución interior
é só o punto de partida dunha estratexia de modernización que ten como obxectivos
deseñar un novo espazo educativo acorde cun modelo pedagóxico do século XXI e
proporcionarlle ao alumnado as mellores condicións para que poidan estudar e formarse”,
destacou.
Incremento da matrícula para o curso 2021-2022
Neste sentido, Miguel Ángel Guerra resaltou “a evolución positiva” que está a experimentar
o colexio desde a adquisición por parte do Grupo Scientia School “tanto na actualización do modelo educativo como nas cifras de matrícula”, xa que o centro rematou o curso 2020-21 con 198 alumnos/as e a matrícula estimada para o comezo do novo curso sitúase en 220 alumnos/as. Ao respecto, suliñou que a Escola Infantil arrancou sen alumnos/as e
actualmente contaba xa con 16 cativos/as e con catro reservas para setembro. “Este cambio de tendencia está a ser posible grazas á implementación do modelo educativo de Scientia e de novas dinámicas de traballo e ao esforzo e implicación do equipo docente”, concluíu.
Comments