top of page

O goberno municipal de Silleda leva a Pleno a vindeira semana a aprobación do PXOM

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

O documento conta con todos os informes favorables e unha vez aprobado no máximo órgano municipal, será remitido á Xunta de Galicia para a súa aprobación final


Laura Moure/Silleda

O ansiado Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Silleda está cada día máis preto. Logo de intensos meses de traballo para adaptar o documento ao requerimento remitido pola Xunta de Galicia, o Plan Xeral de Silleda está listo para a aprobación provisional no Pleno.

Onte quedaron xa convocadas as comisións informativas previas á sesión extraordinaria, que terá lugar previsiblemente o vindeiro martes día 6 de setembro. “Será un día histórico para Silleda”, sinala o alcalde, Manuel Cuíña, “xa que despois de moitos e intensos meses de traballo, podemos dar resposta a unha das grandes carencias do noso municipo, que será a pedra angular do futuro deste municipio”, indica o rexedor, que califica ademais ao PXOM “o proxecto máis importante e máis desexados dos últimos 30 anos neste concello”.


Sentenza

A aprobación provisional chega despois de recabar todos os informes sectoriais necesarios e adaptar o documento ao requerimento emitido pola Xunta en 2019, cando o organismo autonómico denegou a aprobación final, tres anos despois da aprobación provisional no Pleno do Concello. Un dos grandes escollos que houbo que solventar foi a legalización das traídas de auga municipal, cuestión que viu derivada dunha sentenza do Tribunal Supremo que anulou no seu día os planeamentos de Verín e Monterrei por non garantir a reseva de recursos hídricos.


Seguindo as directrices deste fallo xudicial, a Consellería de Medio Ambiente e do Territorio, esixiu no ano 2017 ao Concello de Silleda garantir no planeamento a reserva de recursos hídricos, cuestión que pasaba pola legalización das traídas municipais. “Seguindo as directrices de Aguas de Galicia, e sempre en coodinación con este organismo autonómico, ao que agradecemos a súa boa disposición, fomos quen de superar ese paso, non sen pouco esforzo, e de ir logrando os informes favorables de todas as Administracións”, engade o alcalde, Manuel Cuiña.

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Logo da aprobación inicial do PXOM nun pleno da Corporación Municipal en decembro do 2012, iniciouse un período de información pública exemplar no que, ademais de esgotar os dous meses de prazo estipulados, o goberno silledense levou o PXOM por todas as parroquias, explicando os contidos e aclarando as dúbidas sobre o mesmo. Da mesma maneira, tamén se mantiveron reunións con todos os portavoces da oposición, para analizar e dar resposta ás 783 alegacións que veciños, propietarios, ou colectivos presentaron ó documento urbanístico, e que foron respostadas de xeito individual e personalizado.


A aprobación do PXOM quedaba despois de todos estes trámites, suxeita ós informes favorables por parte de Patrimonio e Medio Ambiente, que unha vez recibidos deron paso á aprobación provisional o 18 de marzo de 2016. Pouco despois, a citada sentenza do Supremo e as consecuencias derivadas da mesma ralentizaron a tramitación, e en xaneiro de 2019, a Consellería do Medio Ambiente e Territorio denegaba a aprobación final.


Intensificación do traballo

Unha vez lograda a ansiada legalización das traídas, o traballo no departamento de Urbanismo, que dirixe a concelleira Paula Fernández Pena, intensificouse nos últimos meses con distintas xornadas de traballo tanto co redactor do planeamento como cos responsables doutras Administracións. “Tendo en conta que o documento tivo que reformularse, a aprobación do PXOM estivo sempre moi presente na axenda de prioridades deste goberno municipal. Agardamos que despois deste paso, a Xunta de Galicia proceda a aprobar o Plan Xeral de Silleda de xeito definitivo no menor prazo posible”, explica o rexedor.


O pasado mes de abril, Cuiña e Fernández Pena mantiveron unha das últimas reunións de traballo cos responsables de Augas de Galicia e da Dirección Xeral de Urbanos, para realizar os últimos axustes do planeamento. “A aprobación do PXOM suporá a recuperación da construción no rural, o que repercutirá tamén no aumento de poboación e de postos de traballo”, engade o mandatario.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page