A primeira fase do proxecto, cun importe de licitación de 1,8 millóns de euros, foi presentada este luns na Comisión Especial de Contas
Laura Moure/Silleda
Este luns celebrouse no Concello de Silleda a Comisión Informativa Especial de Contas previa á aprobación do proxecto para a remodelación da actual Casa da Cultura como futura Casa consistorial. Esta primeira fase do proxecto para a centralización e mellora de todos os servizos municipais sairá a licitación, unha vez se aprobe esta semana na Xunta de Goberno Local, por un importe de 1,8 millóns de euros.
Dende o goberno municipal, o alcalde Manuel Cuiña, explica que o proxecto conta con todos os informes favorables, incluído o de Patrimonio, para acometer esta primeira fase do proxecto. En canto á financiación, Cuiña lembra que o Concello de Silleda percibirá máis de 700.000 euros da Deputación de Pontevedra, a través do programa Reacpon, para levar a cabo esta primeira actuación. “Así mesmo, este goberno continuará traballando para conseguir máis fondos que permitan financiar o proxecto, unha das grandes actuacións desta lexislatura que permitirá á veciñanza de Silleda contar cunha casa consistoral adaptada aos tempos actuais, cos servizos centralizados e unha mellor atención”, engade.

O proxecto, elaborado polo arquitecto silledense Abraham Castro, completarase nunha segunda fase cun novo edificio na parte posterior para dar cabida a todos os departamentos municipais.
O proxecto foi dictaminado favorablemente na comisión cos votos a favor dos tres representantes do goberno e a absteción dos dous integrantes do PP (o BNG non asistiu).
Comments