top of page

O Goberno local do Concello de Monterroso implantará a gratuidade nos servizos municipais de conciliación familiar

Tamén se aprobou unha moción do PP sobre o rexistro de galiñeiros e outra do BNG sobre o despregamento da banda larga


Ecos da Comarca/Monterroso

A Corporación de Monterroso aprobou este xoves unha proposta do equipo de Goberno (PP) para implantar a gratuidade dos servizos de conciliación familiar para todas aquelas familias empadroadas na localidade. Serían os servizos de ocioteca municipal, campamentos infantís na totalidade de días non lectivos, cultuesciencia, informática e natación. A iniciativa está condicionada a que o Concello de Monterroso obteña a subvención do Plan Corresponsables, que veu recibindo nos últimos anos da Xunta de Galicia. A proposta foi aprobada cos votos a favor do PP, PSOE, IXM e PG e coa abstención do BNG. Unha vez conseguida a subvención, os servizos pasarán a ser gratuítos, previsiblemente este mesmo ano.

Rexistro de galiñeiros de autoconsumo

O Grupo Municipal do PP sacou adiante unha moción na que se insta ao Goberno central a modificar o Real Decreto 637/2021 polo que se regulan as normas básicas de ordenación das granxas avícolas para que as explotacións de autoconsumo quedaran exentas de inscrición no rexistro de explotacións agrarias polo trastorno que lle causa aos propietarios dos galiñeiros e pola inoperatividade da medida. A iniciativa foi aprobada co voto de calidade do alcalde ao obter tres votos a favor do PP, tres en contra do PSOE e a abstención dos demais partidos.

Publicidade

Despregamento de banda larga

Na sesión tamén se aprobou unha iniciativa do BNG para instar ao Goberno do Estado a que priorice o despregamento de banda larga no Concello de Monterroso. O equipo de Goberno lembrou que xa no anterior mandato empezou a operar en Monterroso unha oficina da empresa A túa xanela que procedeu ao despregamento de fibra tanto na vila, como no rural, acadando actualmente 3.605 vivendas con fibra para unha vila que ten actualmente en torno a 3.600 habitantes.


Tamén recordaron que os fondos europeos distribuídos a través do programa de extensión da banda ancha (PEBA) asígnaos o Ministerio directamente ás empresas que o solicitan, e que neste momento non existe coñecemento de que haxa ningún destes plans asignados a Monterroso, polo que dende a Alcaldía establecéronse contactos con esta empresa, para ver a forma de poder seguir despregando fibra e levala a todos aqueles núcleos nos que haxa demanda.


Publicidade

Tamén se lembrou que ata agora o despregue de fibra no Concello de Monterroso non lle costou nin un solo euro aos veciños, xa que foi a empresa a que soportou todo o custo.



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page