top of page

O goberno local de Rodeiro pronúnciase sobre "o soldo Nescafé da voceira do PP"

"Dende o Partido Socialista e Unidade por Rodeiro, partidos que formamos o grupo de goberno, preguntámonos que estarán pensando agora as 16 persoas ás que fixeron dimitir e renunciar para que Luis López, puidera acceder á Presidencia da Deputación"


Ecos da Comarca/Rodeiro

O goberno de Rodeiro, formado polo PSOE e por Unidade por Rodeiro, pronúnciase sobre o posto da voceira do PP de Camba, Cati Somoza, na Deputación de Pontevedra.


O seu comunicado íntegro:

"A voceira do PP en Rodeiro xa ten salario na Deputación. O que era un secreto a voces vén de confirmarse despois de que a Deputación (cun atraso de case tres meses) publicara a súa relación de asesores, contratados como persoal eventual. Nela aparece Cati Somoza, quen vai percibir un total de 158.000 euros ao longo do mandato, a razón de case 40.000 euros anuais.


Un “soldo Nescafé” que lle garante catro anos de estabilidade económica. Ademais, Cati pode sumar estes emolumentos ás indemnizacións por asistencia a plenos e comisións en Rodeiro. Recibe así o premio do Partido Popular por terse presentado ás Eleccións Municipais nun momento no que o PP estaba sumido nas dúbidas porque carecía de persoa para encabezar a candidatura.

Publicidade

De todos/as era sabido que a prioridade de Somoza non era a defensa dos intereses do

conxunto da veciñanza local. Recordamos cando abandonou a Concellería de Economía en plena pandemia, deixando tirada á xente. Agora queda claro que a súa prioridade era buscar un bo salario público. E xa o ten, así que parabéns.

Dende o Partido Socialista e Unidade por Rodeiro, partidos que formamos o grupo de goberno, preguntámonos que estarán pensando agora as 16 persoas ás que fixeron dimitir e renunciar para que Luis López, “o Lugués” puidera acceder á acta de concelleiro e, en consecuencia, acceder á Presidencia da Deputación. Que estarán pensando todas esas persoas que, de xeito desinteresado, formaron parte da candidatura do PP. Porque queda máis que claro que foron utilizados e utilizadas como “figurantes” nunha operación na que Cati Somoza foi a gran beneficiada.O PP desprezou á cidadanía de Rodeiro durante a súa nefasta xestión dende a Alcaldía e desprezouna tamén tratando á xente que meteu na súa lista electoral como mera mercancía que tirou pola borda para que Cati Somoza sacara tallada.


Publicidade

É este o concepto que o PP ten da participación na vida pública da cidadanía? Impórtalles algo o futuro de Rodeiro? Parece que non. O colmo xa é ver como o Lugués anuncia investimentos para Rodeiro dende a Deputación que son inexistentes, como os 120.000 euros pantasma para un plan de Emprego cuxos contratos xa estaban esgotados porque foi aprobado en xaneiro pasado.


A señora Somoza xa amarrou o seu salario. Unha seguridade económica que premia a súa baixada en votos e a perda da Alcaldía de Rodeiro por un Partido Popular desnortado. Dende agora pode celebralo cos seus case 40.000 euros anuais que, sumados ás retribucións por asistencia aos órganos do Concello vanlle proporcionar uns 3.500 euriños mensuais,bastante máis que o alcalde eo tenente de alcalde xunto".

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page