top of page

O goberno local de Arzúa aproba a convocatoria de axudas culturais, deportivas e educativas 2021

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

As entidades interesadas nestas liñas de axudas municipais poderán solicitalas dende hoxe e ata o 30 de setembro


Laura Moure/Arzúa

O goberno municipal de Arzúa, - Alternativa por Arzúa e PSdG- vén de aprobar a convocatoria de axudas municipais de carácter cultural, deportivo e educativo para o ano 2021 por un importe total de máis de 60.000 euros. O prazo para efectuar a solicitude comezou este xoves, 9 de setembro, e remata o día 30 deste mes.


Esta liña de axudas está destinada, no caso do ámbito cultural, á promoción de actividades de conservación, promoción ou divulgación dos valores culturais tales como certames, publicacións, concursos, mostras, excursións e moitos outros, a realizar polas asociacións veciñais ou culturais debidamente constituídas e sen ánimo de lucro.

No caso das axudas para a promoción de actividades deportivas, poderán solicitalas os clubes ou outras asociacións deportivas municipais para o fomento de actividades deportivas abertas á participación cidadá tales como escolas, cursos, competicións, campus deportivos e en xeral calquera actividade relacionada coa promoción do deporte.


A terceira liña de axudas é a vinculada ao ámbito educativo para a promoción de actuacións culturais, deportivas e educativas a realizar polos centros educativos do municipio ou polas asociacións de pais e nais.


As entidades interesadas nesta convocatoria de axudas deberán realizar a correspondente solicitude a través da Sede Electrónica do concello de Arzúa. O prazo finalizará o día 30 de setembro de 2021 despois de que, este mércores, fosen publicadas no Boletín Oficial da Provincia as correspondentes bases da convocatoria. Os formularios necesarios para solicitar as axudas así como as bases están a disposición das entidades interesadas na páxina web municipal www.arzua.gal e tamén na oficina municipal de Cultura e Deportes, sita no Edificio Sociocultural María Mariño, Rúa Padre Pardo, 33, 1º andar.

0 comentarios

תגובות


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page