"Dá a entender que a súa tramitación continúa e avanza sen novidade", sinalan os nacionalistas
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín informa sobre a resposta do goberno estatal á pregunta escrita formulada polo BNG no Congreso, a respecto do parques eólicos de Deza, os de Val do Folgoso e o do Monte dos Porcallos. "Esta dá a entender que a súa tramitación continúa e avanza sen novidade, e que a súa autorización queda supeditada ao resultado da avaliación ambiental, procedemento para o que din que debe respectarse pois é un dereito que lle
asiste a empresa promotora. Tamén se di que neste momento dito trámite está en fase de resolver e que se a empresa cumpre o expediente continuará avanzando", sinala o BNG.
A valoración que desta resposta fan os nacionalistas é que nestes momentos a posibilidade da construcción dos mesmos é tan real coma o primeiro día no que saltou o anuncio. "Coa preocupación de que estes expedientes estanse a tramitar cunha normativa de avaliación ambiental, que para este tipo de instalacións, resulta moi permisiva. Paradoxalmente, a normativa pola que se pode autorizar ambientalmente estes parques acaba de anunciarse ( o día 15 deste mes), por parte do propio Ministerio para a Transición Ecolóxica (responsable de validar as avaliaciòns ambientais e autorizar estes parques), o proxecto legal para a súa modificación, motivado, segundo o propio MITECO, para garantir avaliacións de impacto ambiental máis esixentes".
Co cal cabe preguntarse, recalcan, se a actual normativa non o é. Sexa como sexa, estes dous eólicos en zonas agrícolas de Lalín avaliaranse coa norma actual, logo máis permisiva, e para o BNG de Lalín a preocupación é máxima. "Que o goberno trate de reducir este problema a un escenario únicamente administrativo, eludindo afrontalo tamén no marco do que son as súas políticas sobre o modelo enerxético e as consecuencias que estas decisións teñen, e non procurar mudalo, pois entón a súa contestación non da pé a ficar tranquilos e non se pode dar por pechada esta ameaza", subliña.
Comments