top of page

O goberno de Vila de Cruces asegura que Taboada "aforra coa súa xestión 486.000 euros ao concello"

Ecos da Comarca/Vila de Cruces

O alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada, quere dunha vez por todas acabar coa polémica de quen gasta máis no concello, e para iso presenta diante dos seus veciños e veciñas os números reais polos cales afirma que o PP e o BNG "seguen mentindo e difamando cos gastos xerados para o funcionamento do concello", tal e como sinalan dende o equipo de goberno. "Con respecto aos gastos do concello Taboada xera para as arcas municipais un aforro anual de 121.500 euros o que supón 486.000 euros de aforro na lexislatura", asegura.

Para que non haxa lugar a ningunha dubida, tal e como apunta, Taboada debulla os gastos do anterior goberno dos populares da seguinte maneira: "soldo do alcalde Jesús Otero e os tres concelleiros con dedicación do goberno e outros tres cobrando xuntas de goberno e plenos custaban ao ano a frioleira cifra de máis de 162.000 euros ao ano o que supón nunha lexislatura a cantidade de 648.000 euros que custaban os cargos políticos do PP".


En cambio, subliña, que no goberno de Xuntos, "o alcalde non cobra o que ocasiona uns gastos de cero euros ao concello e os dous concelleiros con dedicación custan ao concello soamente 40.000 euros ao ano xa que non se cobran as xuntas de goberno o

que fai nunha lexislatura un gasto total de 160.000 euros". Ante isto e unha vez realizada esta operación engade que se pode "ver claramente que se restamos o gasto do PP que eran 648.000 euros ao gasto que xera nestes momento Xuntos de 160.000, ocasiona un aforro para as arcas municipais de 486.000 euros nunha lexislatura, datos que pode comprobar calquera veciño ou veciña" polos cales Taboada dille ao PP "que non son os máis indicados para dar leccións de economía".

Así mesmo, o rexedor aclara "as mentiras vertidas polo PP e o BNG, que como sempre dan notas de prensas conxuntamente collidos da man coma se fosen parella, pero sempre mentindo, porque deben de pensar que os cruceños e cruceñas non teñen criterio, e atrévense a dicir que Taboada gasta nun asesor de comunicación 18.000 euros ao ano cando Jesús Otero tiña un cargo de confianza que lle constaba ao concello 34.000, o que vén sendo 16.000 euros máis barato. Pero aínda non están conformes e resulta que a arquitecta contratada polo concello custa 22.000 euros ao ano, en cambio non din que a anterior herdada do PP pasaba dos 45.000, o que supón un aforro doutros 23.000 euros, que se sumamos ambos os aforros suman 39.000 euros ao ano que poden investir nos veciños e veciñas, á vez que se resolven os problemas que tamén veñen herdados do anterior goberno do PP, como o ter que contratar avogados para defenderse diante os tribunais, da denuncia presentada polo persoal de confianza de Jesús Otero, ou a máis recente no caso dos mapas Hilgen, ou incluso o ter que contratar unha arquitecta, mentres non sae o concurso, o ter que perder a que tiñamos por sentencia xudicial herdada do PP".


Nóminas funcionarios

Agradece ao PP e ao BNG "a súa preocupación porque os funcionarios tivesen un atraso na cobranza das súas nóminas neste mes de maio", pero afirma que "os propios funcionarios están totalmente tranquilos, xa que saben perfectamente cales son as causas que provocaron tal atraso. Saben que este é un concello economicamente forte, que non ten problemas de liquidez e que o atraso é debido á burocracia para realizar os pagos, ao non ter interventor nin tesoureiro, algo que xa está resolto".


"PP e BNG confirman o que anunciaba Taboada na nota, na necesidade de cambios en Intervención e na axilización da tramitación do pago de facturas a provedores, algo primordial para o goberno de Xuntos, xa que os provedores teñen que cobrar en tempo e forma e o goberno está para resolver estes problemas, xa está a oposición para tentar que non o consigamos”, conclúe Taboada.

Komentar


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page