O goberno de Silleda recalca que sempre estivo pendente da situación da empresa concesionaria do SAF
- Laura Moure
- 18 dic 2021
- 2 Min. de lectura
Cuiña reitera que é falso que o goberno afirmara descoñecer os embargos. “A que parece que non se entera deles é a CIG, xa que os datos distan moito dos publicados”
Laura Moure/Silleda
A raíz das últimas informacións publicadas sobre o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, advirte que dende o goberno xa se está a traballar para ver se é preciso a adopción de medidas. En canto ás afirmacións sobre o decoñecemento por parte do goberno dos embargos da Seguridade Social á empresa concesionaria, Cuiña advirte que é “rotundamente falso, e é mais os que parecen descoñecer esta situación son os da CIG, xa que as cifras que están dando nos medios de omunicación distan moito da situación real”, engade.

Así mesmo, Cuiña tamén advirte que ter embargos ca Seguridade Social non é motivo “perse” para rescindir o contrato ca empresa. “Quero que quede claro para a plantilla que este goberno está a traballar vendo como poden afectar os novos embargos á situación da empresa”, engade. Cuiña, que lembra ademais que o día da concentración diante do Concello (o pasado 3 de decembro) o rexedor amosou o seu malestar porque non ter o sindicato convocante solicitada unha reunión para exponer os problemas. “Aquí ninguén viñera a falar da situación das traballadoras, non temos documentos nin probas, todo son comentarios e manifestacións nos medios”, sinala.
Tamén apunta “que é curioso que de unha plantilla de máis de 40 persoas, todas mulleres, só hubera seis na concentración”, engade. “O único que sabe este goberno é que hai tres ou catro traballadoras descontentas, outras que están contentas, e que o sindicato que as representa non pediu ata onte (por xoves, día 16) unha reunión con esta Alcaldía, que se fixará nos próximos días”, engade.
Tamén afirma que o SAF, un servizo prioritario, como todos os que se prestan a nivel social, conta a día de hoxe en Silleda con 80 persoas usuarias, “das que non temos nin unha soa queixa pola súa xestión”, e “tampouco nos constan documentos nin datos oficiais sobre o impago de nóminas ás traballadoras”, engade. Do mesmo xeito, Cuiña sinala que a práctica totalidade dos Concellos “incluídos os gobernados polo BNG” teñen este servizo externalizado.
Comments