O BNG amosa a súa sorpresa ante a convocatoria do pleno extraordinario "no que o equipo de goberno leva a votación unha proposta unilateral de retribución do goberno municipal"
Laura Moure/Silleda
O goberno municipal de Silleda vén de convocar un pleno extraordinario para o vindeiro martes día 11 (18:00 horas) no que se abordarán as cuestións económicas relativas á organización do Concello. As retribucións propostas para o grupo de goberno supoñen un total de 108.000 euros, o que implica unha rebaixa de entorno a 50.000 nas asignacións respecto aos salarios do último mandato. Sen embargo, o BNG non está de acordo con esta decisión.
Ante a falta de acordo co BNG, despois de varias xuntanzas e conversas telefónicas, dende o goberno advirtese que as adicacións propostas "non supoñen nin sequera o 1% do orzamento final do Concello (representan o 0,8%), que no último ano acadou os 12,8 millóns de euros. De momento o acordo non é posible, esperamos que de aquí a martes o
BNG se replantee apoiar estas retribucións. En caso contrario, Silleda terá un goberno sen adicacións cas consecuencias que iso terá para a veciñanza cun alcalde e concelleiros que acudan ao seu posto nos tempos libres”, engade Cuiña.
Na sesión tamén se abordará a creación e composición das comisións informativas, o nomeamento de representantes en órganos colexiados e as asistencias aos mesmos. Neste senso, si houbo acordo co BNG para incrementar a asistencia aos Plenos ata os 150 euros, cantidade similar a da Xunta de Goberno Local; e subir tamén a asistencia ás comisións informativas de 50 a 70 euros.
Tamén figuran na orde do día as retribucións a grupos políticos e a aprobación do personal eventual, que no caso de Silleda está fixado por Lei, nun único posto.
Pola súa banda, o BNG de Silleda amosa a súa sorpresa ante a convocatoria por parte do alcalde Manuel Cuiña do pleno extraordinario "no que o equipo de goberno leva a votación unha proposta unilateral de retribución do goberno municipal".
Dita proposta unilateral prodúcese logo dunhas semanas de conversas entre o BNG e o PSOE, "no que as partes defenderon propostas que nada teñen que ver coas que agora se levan a votación no pleno", puntualiza o Bloque. "Esta maneira de actuar por parte do PSOE de Silleda ratifica a falta de confianza do equipo do BNG no actual goberno municipal, que actúa sen diálogo e sen asumir que gobernan en minoría, debendo consensuar as propostas que leven a pleno".
Publicidade
A respecto das conversas, o BNG de Silleda fixo a seguinte proposta inicial, manifestando a súa dispoñibilidade para negociar en función das funcións e desempeño de cada área:
• Alcaldía: salario bruto de 42.000 euros anuais. "Esta proposta de salario é lixeiramente inferior á que fora aprobada hai catro anos (47.759 euros) e que se correspondía co máximo legal permitido naquel momento para os concellos da poboación de Silleda. Desde o BNG non nos parecía axeitado que o alcalde de Silleda continuase outra lexislatura co salario máximo legalmente permitido e consideramos, en todo caso, que a nosa proposta era moi axeitada á dedicación actual da Alcaldía aos asuntos municipais".
• Tenencia de Alcaldía: salario bruto de 32.000 euros anuais, que supoñía unha suba dun 14% respecto ao salario aprobado en 2019 (28.000 euros).
• Concellería de Benestar: salario bruto de 16.000 euros anuais. "Desde o BNG propúxose unha importante baixada respecto do salario aprobado en 2019 (23.999,92 euros) ao considerar que a xestión da área na anterior lexislatura tivo máis sombras que luces: En particular, o BNG quere lembrar que logo de que o PSOE privatizase o SAF no ano 2020, este tivo que ser remunicipalizado no 2022, asumindo as arcas municipais as débedas da empresa coa Seguridade Social -200.000 euros aprox.- e incorporando, ademais do propio persoal asistencial, a dúas persoas que traballaban para a empresa concesionaria (asistenta social e coordinadora) e que pasaron a ser persoal municipal sen pasar ningún tipo de proceso de selección".
Publicidade
Así mesmo, sinala que "neste novo escenario, consideramos que esas dúas persoas incorporadas ao persoal municipal deberían asumir labores de xestión da área de benestar, descargando así de funcións e actividades o traballo da concelleira, o que
xustifica a baixada de salario proposta".
Pola súa banda, o PSOE, indica, "respondeu cunha proposta totalmente afastada da do BNG consistente en manter o salario de alcalde cerca do máximo legal (51.821 euros), e en subir os salarios da Tenencia de Alcaldía e da Concelleira de Benestar a 40.000 e 30.000 euros respectivamente (un desembolso total de 122.000 euros anuais). Ante a nosa negativa polos motivos arriba expostos e tralo chamamento feito desde o BNG a retomar a negociación, o goberno municipal decide levar a pleno unha nova proposta, sen consensuar e que se afasta totalmente das liñas trasladadas polo BNG, o que anticipa o noso máis que probable voto en contra".
Desde o BNG reiteran a súa proposta de remuneración ao goberno (90.000 euros brutos a repartir en tres dedicacións) e "manifestamos a nosa dispoñibilidade para negociar e consensuar esta materia co equipo de goberno".
Por último, desde o BNG manifestan "a nosa postura totalmente contraria á contratación do persoal eventual -cargo de confianza- que viña exercendo o traballo de secretaría da alcaldía, por considerar que non reporta ningún beneficio para o municipio e porque esas labores poden ser asumidas directamente pola propia Alcaldía ou por persoal municipal ao seu cargo. Desde o BNG ofrecemos ao PSOE a posibilidade de acordar os perfís precisos para cubrir as dúas prazas de funcionario que permite a taxa de reposición en 2023, agora que está xa aprobada a RPT do Concello".
Comments