top of page

O goberno de España concede 810.000 euros para reformar a Casa da Cultura de Antas de Ulla

“Antas de Ulla é un claro exemplo de como o Goberno está a chegar co Plan de Recuperación a todo o territorio co obxectivo de mellorar a calidade de vida de todos os galegos e galegas”, destacou o delegado do goberno en Galicia


Laura Moure/Antas de Ulla

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou onte no Concello de Antas de Ulla o compromiso do Goberno de España cos municipios e coa mellora dos servizos públicos municipais. José Miñones sinalou que “Antas de Ulla é un claro exemplo de como o Goberno está a chegar co Plan de Recuperación a todo o territorio co obxectivo de mellorar a calidade de vida de todos os galegos e galegas”.


Fixo unha visita ao Concello de Antas de Ulla, acompañado da subdelegada en Lugo, Isabel Rodríguez, e do alcalde, Javier Varela, ao que o Executivo acaba de conceder unha axuda de máis de 810.000 euros para acometer a renovación integral da Casa da Cultura. Este investimento enmárcase no PIREP Local, o programa de axudas que o Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (Mitma) ven de conceder provisionalmente a concellos galegos para a rehabilitación de edificios públicos da súa titularidade. “Hoxe temos aquí un dos exemplos máis recentes da colaboración do Goberno cos municipios galegos. Falamos de proxectos que supoñen un antes e un despois para os servizos públicos que dan os concellos de España e de Galicia. Este é o caso de Antas de Ulla, e é o caso do resto dos 34 proxectos que imos financiar con máis de 27 millóns de euros en Galicia, sete deles nesta provincia de Lugo”, destacou Miñones.

O delegado explicou que na Casa da Cultura de Antas de Ulla localízase a biblioteca municipal, o auditorio, as aulas da escola de música e acolle a sede de moitas entidades veciñais e colectivos culturais da contorna. “Igual que Antas de Ulla é o corazón de Galicia, este centro é o corazón da cultura deste municipio. Son os veciños e veciñas de Antas, os nenos e nenas que acoden a biblioteca ou á escola de música, as asociacións e colectivos culturais os principais beneficiados desta obra, que deberá estar finalizada en setembro de 2024”, sinalou. Así mesmo, José Miñones subliñou a importancia destes investimentos para os concellos pequenos e avanzou que “seis dos sete proxectos que imos financiar con este programa na provincia de Lugo son de concellos de menos de 5.000 habitantes, e deles, o máis importante en contía é este en Antas de Ulla”.

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

O delegado detallou que o PIREP Local mobiliza 600 millóns de euros, uns 3,3 na provincia de Lugo, dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que se destinan directamente ás entidades locais, a concellos e a deputacións. Neste sentido, o Delegado informou que o programa articulase en dúas liñas de axudas e Antas de Ulla forma parte da primeira desas liñas, que é a que o Ministerio vén de resolver. Durante a visita ás instalacións da Casa da Cultura, Miñones puxo en valor a vertente educativa, cultural ou deportiva destes proxectos financiados polo Goberno, “que servirán para crear novas dotacións ou para mellorar as existentes, e que, en moitos casos, poñerán en uso edificios que se atopaban abandonados e que, grazas a este programa, abren de novo as súas portas”. “Falamos de proxectos nos que ten un peso moi importante a sustentabilidade ambiental pois un dos obxectivos do Programa é promover edificios públicos máis eficientes enerxéticamente xunto coa accesibilidade e a calidade arquitectónica”, apuntou o delegado.


Internet de alta velocidade co Plan único Banda Ancha

José Miñones avanzou que Antas de Ulla está incluída nas dúas convocatorias -2021 e 2022- de dotación da internet de alta velocidade que financia o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e que se vehiculan a través do Programa ÚNICO Banda Ancha. O Ministerio financia con este programa ata o 90% dos custos (tecnolóxicos, obras, permisos, etc.) nos que incorren as empresas tecnolóxicas para levar a conexión de alta velocidade (superior a 300mb) a zonas sen cobertura.


Entre as dúas convocatorias do Plan ÚNICO, o Goberno posibilitará a conexión de alta velocidade de 385 vivendas e empresas. “Estamos a falar de garantir a conectividade máis de 300 megas á práctica totalidade do territorio deste municipio, en 145 zonas que hoxe non dispoñen deste tipo de cobertura, esencial no mundo actual”, destacou Miñones.


O Ministerio de Asuntos Económicos adxudicou provisionalmente a execución dos proxectos na provincia de Lugo desta segunda convocatoria á empresa Adamo. O Ministerio achegará 12,3 millóns de euros do total de 17,5 millóns que costa a totalidade do proxecto e que levará a banda ancha de alta velocidade a 32.670 vivendas e empresas da provincia.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page