"O goberno cruceño nin cría no orzamento, do cal estamos convencidos de que nin os fixeron eles"
- ecosdacomarca
- 5 jul 2021
- 3 Min. de lectura
“Hai escasos 20 días aseguraba que os presupostos era meramente unha cortina de fume por parte do goberno e que non os ían presentar a pleno e acertei de cheo” , indica o BNG
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
COMUNICADO BNG DE VILA DE CRUCES
“Hai escasos 20 días aseguraba que os presupostos era meramente unha cortina de fume por parte do goberno, e que non os ían presentar a pleno e acertei de cheo” comenta o portavoz do BNG, “nas diferentes reunións que mantivemos para coñecer a que querían destinar o remanente, non foron quen de concretarnos a que irían destinadas certas partidas, porque nin crían no orzamento do cal estamos totalmente convencidos de que nin os fixeron eles”.
Despois do último comunicado do goberno de Xuntos queremos facer as seguintes puntualizacións:
1) A imaxe do goberno (a foto) é desoladora. Sós e illados como corresponde a quen incumpre a súa propia palabra e os acordos de investidura. Auto-secuestrados e vítimas das súas propias mentiras.
2) Se foron ousados para non traspasar a alcaldía ao BNG porque, segundo eles, quen lles deu a alcaldía foi o pobo de Vila de Cruces, non o BNG, agora que teñan a valentía de gobernar e que deixen de andar chorando polas esquinas. Á política vense chorado da casa, asúmense as consecuencias dos actos propios e fanse proxectos defendéndoos até o final, consensuandoos xa que non teñen maioría e non pretendendo impoñer.
3) Láianse da “inanición”na que se atopa o concello por culpa da oposición. Esta inanición é derivada da inacción do goberno municipal. O goberno é o único que ten capacidade para activar o concello: convocar xuntas de goberno, plenos coa orde do día dos asuntos a tratar, elaborar orzamentos e presentalos no pleno. A oposición só pode facer mocións, propoñer, opinar e fiscalizar a acción do goberno.
4) Renunciar a presentar o orzamento é de covardes e escudarse en que a culpa é toda da oposición é de necios. É por isto polo que convocan reunións extraoficiais nas que non se ven obrigados a recoller en acta os posicionamentos de todos, para así despois mentir e difamar sobre as posturas dos demais grupos.
5) Esta incompetencia vese elevada á enésima potencia pretendendo "repartir" o diñeiro correspondente ao remanente entre as formacións da oposición para que lle fagan o traballo que eles non son capaces de definir, simplemente porque non saben nin por onde comezar e despois pretender dárlle a "volta á tortilla". Presumir de que lle deron á oposición 25.000€ por concelleiro para que o gastaran onde quixeran, que ademais de ser unha mentira máis, xa que na primeira reunión falaron de 200.000 euros e non 250.000 como din agora, é unha irresponsabilidade e un intento de mercar vontades políticas a cambio de migallas na que o BNG non vai participar, non lles imos permitir mercadear cos cartos públicos.
6) Quéixanse de que a oposición non respecta ao goberno. E a realidade é que un goberno en minoría ten a obriga de respectar á oposición, de cumprir os acordos, etc
7) Respecto do 1.500.000 euros de remanentes que pretende gastar, queremos recordarlle que eses cartos non son derivados da súa boa xestión, senón da imposibilidade legal de poder gastalos en anos anteriores. Dous anos sen facer nada e agora pretende gastar o orzamento e os aforros de 10 anos nos dous últimos anos, dos que nin tan sequera foron capaces nestes catro meses de concretarnos para que queren destinar 100.000 euros en cultura, e pretenden que se lles aprobe a inversión dun remanente que non nos especifican, “e claro han pretender que nos fiemos da súa palabra”.
O BNG está dacordo en investir unha parte do remanente para ofrecer un proxecto coherente ao concello e á veciñanza, pero ese proxecto debe asentarse nunha serie de pilares fundamentais como son: o asentamento poboacional, o investimento para o asentamento de industria, da mellora e novos servizos, o desenvolvemento local, ou a conciliación.
Pero se o que queren é que se lles dea a razón e se vote a favor de presupostos baleiros dos que ocultan información, só polo feito de que nos pintan como "os malos e que só queremos un sillón", que lembren que os que non o soltan son eles. E que a única pretensión que ten o BNG é a de mudar unha xestión municipal insóstible, asentada nun proxecto inexistente nestes dous anos, no que non fixeron nin souperon encamiñar nada positivo para o noso concello, máis que as cacicadas de turno, un autoritarismo e unha demagoxia barata e pasear no coche oficial que tanto criticaron.

O BNG de Vila de Cruces.
Comentários