Lamenta a actitude do voceiro do BNG, Xoán Xesús Carril, "contrario a calquera proposta que beneficie aos veciños e veciñas"
Ecos da Comarca/Arzúa
"Un dos principais propósitos do goberno local de Alternativa por Arzúa e PSdG-PSOE é axudar ao tecido empresarial local, que tan mal o están pasando nunha situación económica tan complicada como a actual debido á pandemia provocada pola Covid-19", tal e como apunta o Concello. Con esta única pretensión o goberno local destinou unha parte do orzamento municipal ao reacondicionamento da rutas de sendeirismo da Fervenza das Hortas, para que Arzúa gañase posicionamento como referente do turismo de interior e axudar así a un dos sectores locais máis castigados pola situación. De feito, esta actuación de mellora do roteiro foi executada por unha empresa local.
"O voceiro do BNG de Arzúa, Xoán Xesús Carril, o único que persegue coas súas críticas destrutivas, a parte de tratar de torpedear os obxectivos do goberno local, é poñer en entredito o traballo, non do alcalde nin da concelleira de Turismo, senón dos técnicos municipais (que son os responsables da redacción dos proxectos) e dos profesionais, traballadores e traballadoras das empresas locais de Arzúa, que neste caso son os encargados de executalos", lamenta o equipo de goberno. "É unha mágoa que Xoán Xesús Carril non aproveitase o seu tempo como concelleiro no goberno para poñer en práctica os coñecementos técnicos que di ter e abandeirase a construción dunha tribuna no campo de fútbol que fai augas por todos os lados ou que mesmo aplaudise o investimento de dous millóns de euros no acondicionamento da travesía da N-547 que tantos problemas acarrea dende aquel entón", engade.
Así mesmo recrimina que "Xoán Xesús Carril desvivese por botar por terra todos os esforzos do goberno local para lograr que Arzúa avance; moléstalle que haxa iniciativas, que o goberno axude ás empresas, aos autónomos, ao sector hostaleiro, á restauración, a todos e cada un dos veciños e veciñas de Arzúa que se poidan beneficiar da recuperación e mellora dun dos nosos maiores patrimonios aturais na actualidade, como é neste caso a ruta de sendeirismo da Fervenza das Hortas". E ademais, critica que "Xoán Xesús Carril gábase de pedir nas redes sociais axudas para as empresas e o sector hostaleiro e presume de reivindicar a aposta polo local, pero á hora da verdade o seu único interese é botar por terra todos os esforzos de quen goberna e poñer en risco o sustento de vida de moitas familias do municipio. Carril desexa tirar abaixo todo un traballo feito polo goberno municipal dende o compromiso e a firmeza á que obrigan os tempos; un traballo que Alternativa por Arzúa e PSdG-PSOE materializa en actuacións válidas, competentes e que poñen en valor os nosos prezados recursos para que sexan un atractivo máis que permita que cada vez máis persoas teñan interese en visitar o noso concello".
Así mesmo, recalca que "Xoán Xesús Carril é máis de medallas e menos de esforzo. Gústalle incluso colgarse aquelas que non lle corresponden; agora presume de técnico, pero días atrás incluso se atribuíu o mérito de ter sido el quen homologou a ruta de sendeirismo, cando en realidade o roteiro conseguiu a súa homologación no ano 2015, sendo Pilar Castro Vallo a concelleira de Turismo. O traballo de Xoán Xesús Carril ao respecto da ruta queda resumido nunha auténtica chapuza que fixo cunha subvención da Deputación marcando o camiño sen material homologado; un material que houbo que retirar cando este goberno finalmente conseguiu homologar o sendeiro".
O goberno local acepta de bo grao "calquera crítica construtiva sobre a súa xestión pero xamais corresponderá con quen só se dedica a incordiar, a impedir e a destruír. Mágoa que a Xoán Xesús Carril a súa amargura só lle permita restar e nunca sumar nin cooperar", conclúe.
Arzúa. Autor: Concello de Arzúa.
Comentários