"O goberno é o único responsable das malas condicións das rúas Joaquín Loriga e Principal" di o PSOE
- ecosdacomarca
- 11 ene 2023
- 2 Min. de lectura
Os socialistas lalinenses reivindican "o desleixo deste Goberno nestas rúas e a falta de
responsabilidades, culpando agora tamén aos animais que pasean pola zona"
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdG-PSOE de Lalín lamenta o estado no que se atopan as rúas Principal e Loriga, que día tras días “mostran unha cara deplorable do casco urbano”, indica o concelleiro Mario López. Cabe lembrar que este proxecto, financiado con fondos europeos, foi deseñado con “moita ilusión” por parte do anterior Goberno para dinamizar o comercio e axustarse aos modelos de mobilidade dos novos tempos, “pero Crespo rebaixou as súas calidades e agora vemos as consecuencias que trae o paso de vehículos”.
"O actual Goberno séguelle a dar prioridade aos coches e quédase atrasado no modelo de mobilidade sustentable, que era o obxectivo desta actuación. Continúan a darlle prioridade aos vehículos, aínda que no seu programa recollían que avanzarían ‘cara a un modelo urbano máis humanizado e centrado nas persoas’, onde está ese modelo?”, cuestiona López. "Agora culpa aos animais que removen a terra e causan danos nas zonas verdes, o único que fai é tirar balóns fóra en lugar de darlle unha solución inmediata", recalca.

Desde a bancada socialista consideran que os parches de colocar os bloques de pedra non erradican a problemática, posto que os vehículos están aparcando igual, movéndoos e continuando co deterioro das zonas verdes, cando dispoñen de aparcamentos a poucos metros desta área. “Esta vía estaba deseñada para ser peonil, non para que os coches aparcasen encima das xardineiras. A solución é pechar esta rúa e darlle prioridade aos peóns, como estaba previsto nun primeiro momento”, sinala o concelleiro socialista.
Así mesmo, lamentan que "Crespo continúe a mirar para outro lado, sen entender que o espazo público e a accesibilidade son dereitos das persoas". Lémbranlle que os socialistas “solicitamos en varias ocasións a peonalización, chegamos a presentar varias mocións, que rexeitaron facendo, facendo gala dunha pasividade insultante; na súa liña de actuación”, indica López e conclúe afirmando que “os socialistas preferimos rúas céntricas, seguras para as persoas, sen ruídos, sen contaminación, atractivas para mercar no noso fantástico comercio e que dean unha imaxe de vila coidada. É triste que o PP siga a vivir no século pasado”, conclúe López.
Comments