top of page

O Garda Civil lalinense Benito Carballude recibe a Medalla ao Mérito en Seguridade vial

É unha distinción dentro da súa categoría de Bronce con distintivo azul


Laura Moure/Lalín

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, condecorou esta mañá coa Medalla ao Mérito en Seguridade viaria na súa categoría de Bronce con distintivo azul, ao Garda Civil de Tráfico do Destacamento de Lalín, Benito Carballude, a quen lle expresou o seu “recoñecemento por este merecidísimo galardón”. “Representas o labor incansable, a responsabilidade e o compromiso da Garda Civil de Tráfico con toda a sociedade”, subliñou a subdelegada, á vez que incidiu en que “este tamén é o recoñecemento de moitos compañeiros que como vostede prestan un servizo impagable aos condutores desta provincia”.

Maica Larriba aproveitou a súa intervención no acto para poñer en valor o traballo que realiza a agrupación de Tráfico da Garda Civil “na seguridade viaria e na vixilancia das nosas estradas para evitar comportamentos incívicos e perigosos”. “Esta tarefa”, afirmou, “favoreceu que este ano teñamos unhas cifras de accidentes considerablemente máis baixas que anos precedentes e, aínda que quedan uns días para pechar o ano e non podemos ser triunfalistas, as vítimas mortais na provincia reducíronse nun 44%”. Así, explicou, pasouse dos 25 falecidos no ano 2021 aos 11 que levamos ata o día de hoxe e os sinistros reducíronse nun 3,5% este ano.


Con todo, neste 2022 non só hai datos positivos, pois no cómputo de accidentes mortais o 45% eran usuarios vulnerables, neste caso motoristas. Con todo, non se produciron accidentes mortais por atropelo a peóns. A subdelegada alertou tamén de que o 33% das vítimas mortais usuarias de furgonetas ou turismos non levaban posto o cinto de seguridade e destacou as case 13.500 patrullas e 8.550 auxilios a condutores e condutoras en todas as estradas da provincia realizadas ao longo deste ano pola Garda Civil de Tráfico.

Preme na imaxe se queres co ntactar connosco!

Neste traballo de vixilancia a subdelegada informou de que se realizaron 1.760 probas de drogas ata o pasado día 30 de novembro das que o 56,76% deron un resultado positivo. En canto ao control de alcol na condución realizaron 213.488 probas e o 2,47% foron positivas, crecendo máis de medio punto sobre as cifras do ano 2021. “Son datos que nos demostran que a Garda Civil realiza un traballo imprescindible nas estradas”, incidiu MaicaLarriba.


Xubilación en febreiro

Benito Carballude é natural de Lalín e leva en servizo 43 anos, os últimos 24 destinado na súa localidade. Recibiu esta medalla pouco antes da súa xubilación, o próximo mes de febreiro. No acto estivo presente o xefe do Subsector de Tráfico de Pontevedra, Antonio Pérez Piteira, a xefa provincial da DXT, Paula Yubero, o tenente xefe do Destacamento de Tráfico de Lalín, Fernando José Tato, así como compañeiros da Garda Civil e familiares de Benito Carballude.




Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page