top of page

O Galo abrirá o Nadal en Cruces cunha degustación festiva baixo a carpa diante do Concello o día 22

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

O Concello deseñou unha programación chea de actividades variadas e participativas, pensadas para que toda a veciñanza goce destas festas tan familiares


Laura Moure/Vila de Cruces

O Concello de Vila de Cruces presenta a súa ampla programación de Nadal, encabezada pola “Feira do Nadal” e o seu galo de curral. Esta festividade celebrarase o vindeiro domingo, 22 de decembro, na Praza Juan Carlos I, diante do Concello, a partir das 11:00 horas. Habilitarase unha carpa para acoller a degustación gratuíta do galo, con elaboracións realizadas por diferentes establecementos de restauración, a venda do animal xa morto e unha exhibición de galos vivos. A xornada festiva contará coa actuación do grupo local de gaiteiros Punteirolo.


"O Concello de Cruces deseñou para este Nadal unha programación chea de actividades variadas e participativas, pensadas para que toda a veciñanza goce destas festas tan familiares. O Galo de Nadal, a carreira de San Silvestre e as carrozas dos Reis Magos, que empezarán o seu desfile visitando a Residencia Municipal de Maiores, son os fitos sobre os que se artella o cartaz. Pero hai moitos máis espectáculos polo miúdo que nos permitirán encontrarnos para compartir afectos e solidariedade. A nosa intención é chegar ao maior número de xente, con actos organizados exclusivamente polo Concello, pero tamén colaborando cos diversos colectivos e asociacións de Cruces. Porque a cooperación fai comunidade", afirma o alcalde cruceño, Luís Taboada.

Edición nocturna da Carreira de San Silvestre

O deporte tamén forma parte da programación municipal neste Nadal coa celebración da tradicional Carreira de San Silvestre, nesta ocasión na súa versión nocturna que terá lugar o sábado 28 a partir das 18:30 horas. Os participantes, tanto adultos como a rapazada, poderán correr disfrazados para poñerlle o toque festivo a esta actividade.


Haberá unha carpa na Praza do Concello con chocolate con churros de balde para os

participantes e un Dj que amenizará a tarde noite coa súa música. Sortearanse tamén dúas cestas de produtos de Nadal entre os participantes. O Concello abrirá a inscrición nos vindeiros días.


Cabalgata de Reis

O Nadal de Cruces contará, como non podía ser doutra maneira, coa tradicional Cabalgata de Reis o domingo 5 de xaneiro. Unha espectacular carroza, nun tractor co seu gran remolque, levará aos tres Reis Magos, os seus paxes e os partorciños polas rúas do municipio. Ás 17:00 horas, as súas maxestades visitarán a Residencia Municipal de Maiores de Vila de Cruces e entregarán un agasallo aos residentes.


A continuación, comezará o desfile polas rúas coa tirada de doces a toda a cativada. Xa ás 19:00 horas a comitiva chegará ao Auditorio Xosé Casal onde será recibida polo alcalde. Os Reis Magos entregarán uns agasallos aos máis pequenos e escoitarán as súas peticións para a noite máis máxica do ano. Tamén aquí o Concello celebrará os actos de entrega de premios do concurso de postais de Nadal e de escaparatismo.


Papá Noel, festa de Fin de Ano e outras actividades complementarias

A cultura faise un oco no mes do Nadal en Cruces. A Fundación Paco Lareo - A Solaina de Piloño organizará unha xuntanza de forxadores o 14 de decembro. O domingo 15 celebrarase a función teatral Máis saaabor! no Auditorio Xosé Casal, ás 18:00 horas, a cargo da compañía Culturactiva SCG, dirixida por Avelino González. A obra abordará temas relacionados coa gastronomía, a música e a maxia, e está protagonizada por Fran Rei e o cruceño Félix Rodríguez.


Ademais, o Concello recibirá a Papá Noel o 19 de decembro, que visitará aos máis pequenos no CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade e no CEIP de Cerdeiriñas de

Piloño, e na Escola Infantil de Vila de Cruces onde repartirá agasallos.


O IES Marco do Camballón terá a súa propia actividade. O alumnado de regueifa do

instituto organizará o espectáculo “Regueifa Tour” o venres 13 no Auditorio Xosé Casal.

E xa o mércores 18 celebrarase unha charla sobre agresións sexuais e violencia sexual no propio instituto para os 38 alumnos e alumnas de 4º da ESO, organizada pola Consellería de Política Social.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Tamén a ANPA do CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade se une ao Nadal e sairá cunha carroza de Papá Noel o domingo 22 pola tarde.


Pola súa parte, a asociación cultural Garatuzas organizará o sábado 28 unha actividade para maiores e pequenos, o “Festival de Piloño”, cun concerto da Coral Polifónica de Piloño no local social da parroquia e colchonetas para os pequenos.


O ano pecharase por todo o alto en Cruces cunha festa de fin de ano na que actuará o Trío MANHATTAN, orixinario da parroquia de Ollares, na Praza do Concello.


Xa no Día de Reis celebrarase o Festival de Reis coa actuación da Banda de Merza no

Auditorio Xosé Casal, ás 18:00 horas.


Concilia Nadal 2024/2025

O Concello ofrecerá o programa Concilia Nadal para o alumnado dos CEIP Nosa Señora da Piedade e do Cerdeiriñas. O prazo de inscrición comezará o vindeiro luns, 9 de decembro, e pecharase o venres 13. As actividades desenvolveranse desde as 8:45 ata as 13:45 horas. Máis información: https://viladecruces.es/2024/12/04/concilia-nadal- 2024-25/ Inscricións: mireya.otero@viladecruces.es

0 comentarios

תגובות


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page