O Galicia Clarinet Fest conta coa estrea mundial de ‘Camiño ao infinito’ e a Real Filharmonía
- Laura Moure

- 6 ago
- 3 min de lectura
A cita celébrase ata o domingo en Lalín
Laura Moure/Lalín
Galicia Clarinet Fest atravesa o ecuador do festival coa calorosa entrega dun público que ateiga espazos como a praza das Pipas e o Salón Teatro de Lalín, e tendo pendentes na súa programación varios concertos destacados.
PUBLICIDADE
Hoxe xoves ás 19 horas no Salón Teatro o clarinetista Xocas Meijide, director artístico do festival, presenta -estrea mundial- o seu último disco, Camiño ao infinito, un traballo ao que leva dedicado os últimos oito anos, que bebe da música minimalista, e que ten a Stev Reich como referente. Esta corrente de música contemporánea desenvolvida na década de 1960 en Estados Unidos xurdiu como un movemento underground nos espazos alternativos de San Francisco. O espectáculo performativo de música e vídeo arte que Xocas Meijide presenta en Lalín combina as composición de autores americanos como David Lang ou Steve Reich entre outros, con pezas de autoría galega como Benxamín Otero e Simón García. Nas creacións audiovisuais artistas lalinenses como Misha Bies Golas, Benxa Otero e Guillermo Aymerich compartirán protagonismo con David Ferrando Giraut-Laboral, Diego Vites e M. Zegers & Jacob TV.
Ás 20.30 horas o jazz volverá soar na praza das Pipas con Nani García Trío e Ricardo Formoso. Nani García é unha das figuras fundamentais do jazz en Galicia, cunha traxectoria de catro décadas como compositor, pianista e produtor musical. Estará acompañado polo contrabaixista Alfonso Calvo, o batería Miguel Cabana e o trompetista Ricardo Formoso.
PUBLICIDADE
A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por José Luis Estellés, ofrecerá un concerto que terá lugar no Auditorio de Lalín a partir das 20:30 horas e reunirá sobre o escenario a dous destacados intérpretes do clarinete: Sergio Pires e Shirley Brill. O programa proposto para esta ocasión ofrece un percorrido por tres grandes nomes da música europea dos séculos XIX e XX Carl Niensen, Sergei Prokófiev e Richard Strauss.
Un director cunha amplia traxectoria
Á fronte da Real Filharmonía de Galicia estará José Luis Estellés, director e clarinetista cunha longa trayectoria artística e unha experiencia destacada tanto no ámbito sinfónico como no operístico e no repertorio contemporáneo.
PUBLICIDADE
As Noites de Jazz, o venres e o sábado, cambian de ubicación para trasladarse ao Casino de Lalín ás 23.45. O guitarrista sevillano Carlos Moreno, máis coñecido como Kid Carlos, ten as súas raíces no blues, pero bebe das influencias do jazz, o rock ou o funk. Actuará con Wolfang Puntas, clarinetista que recibiu en 2020 a Medalla de prara no Viena International Music. O seu concerto será estrea absoluta neste festival. E o último concerto do festival será con representación local , con Pablo Sanmamed Trío e Benxa Otero. Sanmamed presenta este seu terceiro álbum de estudo baixo o título de Zugunruhe. O músico e artista multidisciplinar Benxamín Otero, intérprete e compositor no terreo da música académica, vira a outras músicas como a tradicional, o jazz ou as músicas do mundo, en diferentes proxectos, entre eles co pianista Pablo Seoane ou con Germán Díaz. É esta formación na que sobrancea o talento lalinense un cuarteto que forxa un son comunitario e inmersivo.
Unha semana repleta de música e virtuosismo que culmina co concerto de clausura ás 20 horas na Praza das Piñas a cargo da Orquestra de Clarinetes do Galicia Clarinet Fest dirixida por José Franch Ballester, considerado un dos mellores clarinetistas da súa xeración. Este gran final reunirá a todos os clarinetistas participantes, ofrecendo un espectáculo que reunirá sobre o escenario a 150 clarinetistas de todo o mundo.
PUBLICIDADE
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez visitou onte aos alumnos que participan nas aulas do Clarinet Fest, unha iniciativa impulsada polo Concello de Lalín co apoio da Xunta, que ata o próximo domingo reúne a recoñecidos clarinetistas de nove países pertencentes a orquestras e universidades de prestixio. Este evento sitúa á capital do Deza nun referente musical internacional durante estes días, ao tempo que xoga un papel importante na formación e fomento de novas vocacións e promoción do talento mozo.

O programa do festival, que vai pola súa sétima edición, combina actividades formativas, clases maxistrais e obradoiros con concertos e recitais de piano e de jazz ao longo da semana. Ademais, o sábado terá lugar o IV Concurso Internacional Galicia Clarinet Fest, destinado a promover o talento novo e a excelencia interpretativa.










Comentarios