O Galicia Clarinet Fest bate récord de matriculacións na súa edición máis ambiciosa
A cita será do 2 ao 9 de agosto en Lalín
Laura Moure/Lalín
O Galicia Clarinet Fest consolida a súa proxección internacional na VII edición, que se celebrará do 2 ao 9 de agosto en Lalín. Este ano, o festival non só reafirma a súa posición como un referente pedagóxico en Europa, senón que incrementa a súa nómina a 18 docentes de renome mundial colocando a Lalín, na primeira semana de agosto,
no epicentro mundial do clarinete.
O Galicia Clarinet Fest rexistrou nesta edición o número de inscricións máis alto da súa
historia, cun total de 125 persoas inscritas de procedencias tan dispares como Reino Unido, Canadá, Francia, Alemaña ou Uruguay, ademais de alumnado de todo o estado español.

O número total de clases e horas que se vai impartir na Academia será de aproximadamente 400 horas, entre clases individuais, grupais de instrumentos auxiliares (baixo e requinto) e repertorio orquestral.
Profesorado
A excelencia do profesorado que impartirá formación na Academia do Galicia Clarinet Fest é o selo de identidade desta edición. Entre os Mestres, con máis de dez nacionalidades na equipa docente, que impartirán as masterclasses e concertos destacan nomes que lideran a escena mundial actual, solistas das máis importantes orquestras clásicas e profesores en conservatorios, escolas e universidades internacionais.
Acompañados por pianistas de recoñecida carreira internacional, este grupo de mestres situará a Galicia no foco da comunidade musical internacional.
PUBLICIDADE
A dirección artística do festival está a cargo do lalinense Xocas Meijide, profesor de clarinete e clarinete baixo na Universidade do Minho, solista de clarinete baixo da Banda Municipal da Coruña e embaixador da marca Backun. O máis destacado do profesorado participante inclúe a: José Franch-Ballester é considerado un dos mellores solistas clásicos da súa xeración, galardoado con Avery Fisher Career Grant e profesor na University of British Columbia (Canadá). O portugués Sérgio Pires é clarinete principal da prestixiosa London Symphony Orchestra e solista no Musikkollegium Winterthur. Arno Peters é solista na Royal Concertgebouw Orchestra de Ámsterdam e docente no Conservatorium Van Ámsterdam. Shirley Brill: Gañadora do Premio OPUS KLASSIK 2024 e profesora na Hochschule für Musik Nürnberg (Alemaña). Selin Gürol, con máis de 120 mil seguidores nas redes sociais é clarinetista principal da Orquesta Sinfónica Presidencial de Turquía. Tibor Reman é solista da Staatskapelle Berlin, unha das formacións con máis historia e calidade de Europa. José Luis Estellés é un referente pedagóxico internacional, profesor na Hochschule für Musik und Tanz Köln (Alemaña) e en Musikene. Juan Ferrer é clarinete solista da Orquestra Sinfónica de Galicia e Profesor en Forum Musikae en Madrid. Luis Cámara é solista da Orquesta Sinfónica de Euskadi e Verbier Festival Chamber Orchestra. Emilio Alonso Espasandín é clarinete e requinto solista da Orquesta Sinfónica de la RTVE e profesor no Centro Superior de Música Katarina Gurska de Madrid. David Griffiths é profesor de clarinete no Conservatorio de Música de Melbourne, Universidade de Melbourne. Manuel Martínez é solista de clarinete da Banda Municipal de Barcelona e membro de Barcelona Clarinet Playerses. Wolfgang Puntas é profesor da Banda Municipal de Sevilla, ROSS e Musikex. Gaetano Falzarano é profesor titular de clarinete no Conservatorio G. Martucci de Salerno e director artístico do Concurso Internacional de Clarinete SAMNIUM. Michelle Anderson é profesora en The University of British Columbia en Vancouver (Canadá) e fundadora de Clarinet Mentors. Deborah Andrus é profesora de clarinete Lehigh University e Kutztown University (Pensilvania). Completan este equipo docente os pianistas Alicia González Permuy e Damián Hernández, repertoristas de piano e solistas internacionais.
IV Concurso Internacional Galicia Clarinet Fest
No marco do Galicia Clarinet Fest celebrarase o 8 de agosto o IV Concurso Internacional
Galicia Clarinet Fest, un certame que ten como finalidade promover o talento xoven, fomentar a excelencia interpretativa e ofrecer oportunidades artísticas a clarinetistas de proxección nacional e internacional.
PUBLICIDADE
Entre os premios do concurso, con tres categorías, e destinado a menores de 35 anos, destaca a oportunidade de actuar como solistas en 2027 coa Real Filharmonía de Galicia na VIII edición do GCF ou coa Banda Municipal da Coruña, facilitando unha ponte directa cara ao mundo profesional. Máis de 10.000 euros en premios, tanto en metálico como en especie (entre eles agasallo ou descontos importantes na compra de clarinetes, mantemento, partituras, etc), repartiranse entre as distintas categorías, nun festival no que a xenerosidade das marcas patrocinadoras, Backun, Yamaha, Buffet-Crampon, Vima Instruments, Vandoren etc fai que a IV edición sexa moi atractiva para os/as músicos participantes.
O xurado estará composto por profesorado convidado e recoñecidas personalidades do ámbito musical vinculadas ao festival. O festival conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo. Para máis información visitar a web oficial: galiciaclarinetfest.com









Comentarios