O galaico Iván Sangiao, o primeiro galego en entrar no top 10 do Campionato de España Ultra
- ecosdacomarca

- 17 oct 2022
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Deza
O galaico Iván Sangiao participou desde o venres no Ultra Sanabria, que foi Campionato de España Ultra por etapas, organizado pola Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada. A proba abarcou tres etapas que sumaron un total de 114 quilómetros, con 6.000 positivos, polo que a particularidade que ten é tratar de manter o equilibrio e a enerxía para poder chegar a meta na terceira etapa.

A primeira etapa, con 32,6 quilómetros e 1.875 positivos, era máis técnica, cun ascenso moi longo onde se acumulaban 1.000 positivos e que rematou cun tempo de 3 h 47’ 47’’. “Esta era a proba que máis me favorecía, porque nos terreos técnicos é onde mellor me desenvolvo, pero sobre o quilómetro 22 empecei a ir incómodo por unha molestia nos pés, provocada pola entrada de arenas”, explica Sangiao.
A segunda etapa (41,39 km con 1.833 positivos) alternaba tramos moi rápidos con ascensos e descensos máis técnicos, que eran “as zonas nas que máis cómodo me sentía. Tratei de manter o ritmo e co obxectivo de entrar no top 10”, indica. O deportista do Galaico Trail Run finalizou esta etapa cun tempo de 4h 22’ 03’’
Xa o último día, completábase a proba con 32 km e 1.158 positivos, con zonas moi técnicas. “Cos pés aínda danados, sufrín durante todo o tramo e incluso tiven unha caída, pero finalmente cheguei a meta con moito orgullo e tratando de dar o mellor de min”, narra o deportista galaico. Finalmente, rematou esta etapa en 3h 17’ 05’’ e no cómputo total do
Campionato fixo un tempo de 11h 26’ 55’’.
Sangiao rematou as tres etapas cun 8.º posto na clasificación xeral do Campionato de España e un 6.º na súa categoría (sénior), polo que cumpriu o obxectivo de formar parte do top 10, ademais de que foi o primeiro galego en entrar na primeira parte da táboa clasificatoria. “Estou moi contento por min e polo equipo, polo traballo ben feito e por haber gozado de cada zancada na montaña”, conclúe.
Desde o GTR destacan "a dureza desta proba, na que hai que estruturar un bo ritmo para
cada unha das etapas e felicitamos a Sangiao polo resultado acadado e por deixar ao club en tan boa posición".
Pola súa banda, Juan Varela participou esta fin de semana no Trail Monte Comado (Concello de Barreiros), que abarcaba o sábado ½ KV e o domingo 27 km con +1.400 metros acumulados de desnivel positivo. O galaico destaca a boa organización deste evento deportivo.







Comentarios