top of page

O filme 'Negro Púrpura' proxectarase en Monterroso este sábado, 6 de novembro

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Este proxecto afonda nos usos e na relevancia do caruncho do centeo na Galiza de mediados do século XX


Laura Moure/Monterroso

Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora coa produtora Illa Bufarda na distribución do filme Negro Púrpura por distintas localidades da provincia. Lugo, Vilalba,

Monterroso, O Saviñao, Sarria e Meira serán os lugares onde se proxecte esta peza documental dirixida por Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, que afonda nos usos e na relevancia do caruncho do centeo na Galiza de mediados do século XX.


O documental fíase con testemuños de persoas que entraron en contacto con este fungo alucinóxeno que medra na espiga do centeo por seren recoletoras ou vendedores, por empregalo para usos médicos ou por telo presente no seu imaxinario popular. E liga esas vivencias persoais, con información sorprendente e pouco coñecida arredor do que supuxo o caruncho en diversos campos de estudo, desde a antropoloxía ata a farmacoloxía e a medicina, e das súas implicacións sociais e económicas.

Así, por exemplo, sitúa o dentón recurso para as economías familiares pero tamén como orixe dun dos primeiros medicamentos comercializados pola farmacéutica viguesa Zeltia.


A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, subliñou a colaboración de Cultura coa distribución deste filme “pola importancia de recuperar unha parte da nosa historia, que aínda a día de hoxe nos poden contar persoas que viviron ese tempo e que aquí se aborda con novos enfoques achegando información novidosa para moitas e moitos de nos”. Ademais, quixo agradecer “a todos os concellos, entidades e asociacións que prestarán os seus espazos para a proxección do filme, unha peza de moito valor para o audiovisual galego con gravacións nalgúns lugares da provincia como Xermade e O Saviñao”.


Datas

O primeiro lugar onde se porá a disposición do público esta peza documental será o Salón de Actos da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, o día 5 de novembro ás 12 horas, en colaboración coa USC.


O mesmo día ás 20 horas chegará ao Auditorio Municipal de Vilalba, lugar co que garda especial relación ao recoller mencións a Concha da Reina, primeira comadroa titulada, en colaboración co Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e o Concello de Vilalba.


Da man do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), o filme proxectarase o 6 de novembro ás 19 horas no Salón de Actos do Centro Sociocultural de Monterroso. A última data do mes de novembro será o día 20, facendo parada no Círculo Recreativo do Saviñao ás 19 horas.


Xa en decembro, están programadas dúas datas. A primeira, o día 4 ás 19 horas na Casa da Cultura de Meira, en colaboración coa Asociación Cultural Eme de Meira, e a segunda, o 10 de decembro ás 19 horas, na Casa da Cultura de Sarria co apoio da Asociación Cultural Sarricanta.

0 comentarios

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page