top of page

O Festival da Luz promove prácticas sostibles e a concienciación ambiental dos participantes

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Medio Ambiente destinou 6.000 euros para substituír por LED as 7.000 lámpadas halóxenas que compoñen o característico paraugas de luces da cita


Laura Moure/Boimorto

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avogou onte por aproveitar os numerosos festivais que acolle Galicia, sobre todo no verán, como un escenario idóneo desde o que difundir prácticas sostibles e promover a concienciación ambiental dos participantes. Acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, a responsable autonómica achegouse este domingo ao posto instalado polo seu departamento no Festival da Luz, un evento musical e social de carácter solidario que promove desde hai unha década a artista Luz Casal no seu municipio natal, Boimorto. 



Ademais, a colaboración de Medio Ambiente na edición deste ano traduciuse tamén nunha achega de 6.000 euros que permitiu substituír por LED as 7.000 lámpadas halóxenas que compoñen o característico paraugas de luces do festival, no reparto de ecovasos reutilizables para o público asistente, e na dotación de contedores para facilitar a recollida selectiva dos residuos dentro do recinto. 


Durante a súa visita, Ángeles Vázquez tivo ocasión de participar nalgunha das actividades organizadas desde o stand da Consellería. Na terceira e última xornada de concertos leváronse a cabo varias accións divulgativas relacionadas cos residuos, o reparto de merchandising entre os asistentes e a celebración de xogos dirixidos tanto a nenos como a adultos para aprender a reciclar ou mesmo a compostar.



De feito, a conselleira coincidiu cun grupo de rapaces que participaban na actividade Separar con xeito para reciclar a feito, orientada a diferenciar entre distintos tipos de residuos e concienciar sobre a importancia dunha correcta separación en orixe. Ademais da música en directo, o Festival da Luz caracterízase por albergar espazos destinados á gastronomía, á artesanía, ao deporte ou a actividades infantís, tendo en conta que se trata dun evento de carácter familiar e no que se pon en valor o rural galego. Neste sentido, a Consellería do Medio Rural participa tamén este ano cun posto da Axencia Galega da Calidade Alimentaria para poñer en valor os produtos gastronómicos con indicativo de calidade.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page