O Espazo+60 de Afundación en Santiago acolle unha sesión de cinefórum sobre dano cerebral adquirido
- ecosdacomarca
- 28 oct 2024
- 2 Min. de lectura
Organizada por Dano Cerebral Galicia, enmárcase nun ciclo de sensibilización e
prevención da discapacidade dirixido a maiores de 50 anos
Ecos da Comarca/Xeral
A Federación Galega de Dano Cerebral (Dano Cerebral Galicia) e Afundación colaboran na organización dunha xeira de sesións de cinefórum durante o mes de outubro para incrementar o coñecemento sobre o dano cerebral adquirido, unha discapacidade provocada, fundamentalmente, por ictus e traumatismos cranioencefálicos, coa que conviven máis de 35.000 persoas no noso país.

Por terceiro ano consecutivo, ambas entidades volven sumar forzas para o desenvolvemento dunha programación de sensibilización dirixida a persoas maiores de 50 anos, optando nesta ocasión polo emprego do audiovisual como recurso para divulgar información sobre as causas e secuelas do ictus, así como para reflexionar sobre a representación da discapacidade, os estereotipos e os estigmas.
Publicidade
Con este fin, durante as sesións, que se están a celebrar nos Espazos+60 e sedes de
Afundación de 11 localidades galegas, proxectarase a película Háblame de ti, que posteriormente será analizada de forma colectiva a través dun coloquio. Santiago é a última localidade na que se realizará a actividade. Terá lugar o xoves 31 de outubro,
ás 17:30 horas, no Espazo + 60 da localidade (Carreira do Conde, 18).
O obxectivo é abordar a importancia de adquirir hábitos de vida saudable e coñecer as
pautas de actuación en caso de sufrir unha lesión cerebral, prestando especial atención aos signos e síntomas de alarma do ictus, primeira causa de discapacidade adquirida en España. Para o desenvolvemento do ciclo de sesións, ademais do apoio loxístico da Afundación, a Federación conta co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é
dicir, grazas ás persoas que marcan o X Solidario na súa declaración da renda.
Publicidade
Modo de inscrición
As sesións están dirixidas a persoas de máis de 50 anos e, aínda que a asistencia é gratuíta, é preciso inscribirse previamente dado que o aforo é limitado. As persoas socias dos Espazos +60 poden anotarse no seu local de referencia e as demais poden chamar ao teléfono 881 943 148 ou cubrir o formulario de inscrición online dispoñible na seguinte ligazón: https://forms.office.com/e/sQZqszKmg8
Comments