top of page

O encontro informático Xuventude Galicia Net R Encounter reúne a 800 participantes en Silleda

Arrancou hoxe e incluirá máis de 50 actividades diferentes


Laura Moure/Silleda

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e do director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, participou hoxe na inauguración do encontro informático Xuventude Galicia Net (XGN) R Encounter, impulsado pola Xunta co apoio da empresa R como patrocinadora oficial. O evento, que chega xa á súa vixésimo segunda edición, reunirá ata o domingo case 800 participantes na Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda.

Haberá máis de 50 actividades, entre competicións, conferencias, talleres e zonas de xogos, entre as que o vicepresidente segundo sinalou como novidades un taller de hidroimpresión, outro de programación dun sensor para medir a calidade do aire, concursos virtuais de simulación de voo, novas experiencias de realidade virtual inmersivas ou unha conferencia centrada na creación dunha páxina web.


Ademais, Diego Calvo destacou a recuperación este ano do formato completo do event ao retomar a presencialidade da zona de acceso libre Extranet, que o pasado ano se levou a cabo en liña debido ás restricións da Covid-19. Nesta área, tanto as persoas inscritas como o público xeral poderán asistir de balde a conferencias e mostras sobre temas de actualidade informática e obradoiros para achegarse á tecnoloxía. O horario de apertura é de 10:00 a 20:00 horas, hoxe e mañá sábado. A programación pode consultarse na web do encontro.


20.000 metros cadrados e 20 xigas

XGN R Encounter é un dos 16 grandes eventos da programación deste ano da Feira Internacional de Galicia Abanca, cos que este espazo “ofrece un calendario diversificado e capaz de darlles resposta ás necesidades loxísticas de encontros multitudinarios”, segundo destacou Diego Calvo. Neste caso habilitáronse 20.000 metros cadrados en dous pavillóns para “garantir as mellores condicións de confort e seguridade”, ademais de “coas mellores prestacións tecnolóxicas ao contar con 20 xigas de velocidade, grazas a R”, engadiu.

O vicepresidente segundo enmarcou a iniciativa nas políticas da Xunta de apoio á xuventude, nas que se aposta por iniciativas como esta, que combina convivencia, intercambio de coñecementos e experiencias, lecer e formación. Para Diego Calvo, o obxectivo é “proporcionarlles ás novas xeracións ferramentas e recursos para o seu desenvolvemento persoal, social e laboral”.

0 comentarios

Kommentare


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page