top of page

O Ecocamiño reunirá 320 deportistas e terá dúas saídas, unha dende Sarria e outra dende Melide

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

É un evento único a nivel mundial pola súa combinación de deporte, cultura, historia, gastronomía, espiritualidade e ecorresponsabilidad e será o 6 e 7 de novembro


Laura Moure/Melide

Melide acolleu este xoves a presentación do evento deportivo Ecocamiño. Trátase dun evento en dúas distancias, tanto competitivas como enfocadas en camiñantes e acompañantes. O Ecocamiño é un evento único a nivel mundial pola súa combinación de deporte, cultura, historia, gastronomía, espiritualidade e ecorresponsabilidade. Celebrarase os días 6 e 7 de novembro.


No evento de presentación estiveron presentes José Manuel Pérez, alcalde de Melide, Francisco Rico (Director do evento), José Antonio Prado (Concelleiro de Deportes de Melide), Pablo Taboada (Alcalde de Palas de Rei), Cristina Capelán (Deputada de Deportes de A Coruña), Claudio Garrido (Alcalde de Sarria) así como Xosé Igrexas, concelleiro de Promoción Económica de Melide, e mais o edil de Deportes de Sarria, Félix Seijas.

Francisco Rico, José Antonio Prado, Pablo Taboada, José Pérez, Cristina Capelán e Claudio Garrido

Para o alcalde de Melide, José Manuel Pérez, “o Ecocamiño axudará a difundir o coñecemento sobre o noso concello e sobre o resto de localidades que atravesa esta

proba que aproveita o trazado xacobeo”. O mandatario puxo en valor o feito de que unha das modalidades da ruta parta de Melide, "outorgándolle ao noso municipio un papel destacado na proba".


Pola súa banda, o edil de Deportes, José Prado, indicou que Melide se amosa grazas a esta proba como un “punto de encontro de deportistas” que aproveita unha “situación

xeográfica envexable”. “Seguiremos nesta liña” sinalou, valorando positivamente un evento “que pon en comuñón o deporte coa tradición do Camiño de Santiago”.


De toda España e do estranxeiro

O Ecocamiño reúne a 320 deportistas de todas as comunidades autónomas españolas, así como de países europeos como Alemaña ou Portugal, ademais de varios países da América Latina. Contará con dúas modalidades que discorrerán polo Camiño Francés: unha carreira – marcha longa de 110K, que sairá de Sarria e pasará por Portomarín, Palas de Rei, Melide, Arzúa, O Pino e terá a súa meta en Santiago de Compostela. A outra será unha carreira – marcha media de 47K e o percorrido pasará por Melide, Arzúa, O Pino e Santiago. O evento, organizado polo Club UTMC, compaxinará así unha proba á que están chamados grandes atletas e outra para as persoas afeccionadas, que poderán gozar dos sendeiros e camiños do interior da provincia coruñesa. Os premios entregaranse na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela o mesmo domingo ás 12:00 horas


Os participantes divídense por igual entre ambas as dúas modalidades. A metade deles partirá de Sarria o sábado 6 ás nove da mañá, mentres o resto fará o propio dende Melide na mesma data ás 12:00 horas. Os participantes que partan de Sarria contarán con cinco avituallamentos, e con dous, as persoas que partan de Melide. Nos avituallamentos terase en conta os produtos gastronómicos das distintas localidades de paso.


30.000 euros da Deputación

O ente provincial cofinancia cunha achega de 30.000 euros esta competición a través da liña de axudas a eventos deportivos singulares na provincia, que contou este ano cun orzamento total de 598.153 euros. "Unha liña coa que queremos impulsar o deporte coruñés para situalo na vangarda", remarcou Cristina Capelán. Esta destacou o éxito co que arranca a primeira edición "con case 300 persoas procedentes de diferentes puntos da xeografía nacional e internacional inscritas na carreira". A deputada provincial incidiu en que a iniciativa permitirá combinar "o deporte co turismo, a gastronomía e a cultura da provincia coruñesa". Capelán concluíu a súa intervención resaltando que este desafío "repercutirá positivamente na vida social e na economía local, xerando riqueza nos municipios polos que discorre" e agradeceu ao equipo organizador o traballo desempeñado para levar a cabo esta proba.


O Ecocamiño realizarase desde o respecto á natureza e será accesible a todas as persoas. Unha oportunidade para promocionar o trail running, o Camiño de Santiago, emblema turístico de Galicia por excelencia, e as marchas sendeiristas.


A carreira atópase nos calendarios da RFEA, a Asociación Internacional de Ultrarunning, a Asociación Internacional de Trail-Running e a Spain Ultrarunning League e permitirá promocionar o Camiño Francés, contando tamén con opcións para conseguir as credenciais e o selado das mesmas na saída, meta e nos puntos intermedios do percorrido.

0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page