Esta empresa especializada na fabricación de grúas forestais e mariñas exporta o 65% da súa produción e está a impulsar un proxecto de internacionalización grazas ao Galicia Exporta Dixital
Laura Moure/Vila de Cruces
O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe en Vila de Cruces as instalacións de Industrias Guerra, empresa especializada na fabricación de grúas forestais e mariñas que xa exporta o 65% da súa produción, e que está a impulsar un proxecto de internacionalización grazas ao programa da Xunta Galicia Exporta Dixital, que vén de abrir unha nova convocatoria. “Industrias Guerra é un bo exemplo da colaboración que temos co tecido empresarial, e que permite ás empresas galegas apostar pola internacionalización e a dixitalización na procura de novos mercados”, salientou Guldrís, que puxo en valor as últimas cifras de exportacións, tanto no conxunto de Galicia como na provincia de Pontevedra.

Neste sentido, as vendas ao exterior da Comunidade superaron os 25.000 millóns de euros o pasado exercicio, o que supón un novo teito histórico e un incremento do 21,1% con respecto ao 2020. Cifras ás que cabe sumarlle outras como a suba do número de empresas exportadoras galegas, que marca tamén neste período un novo récord chegando ás 9.360, un 31,5% máis que no 2020.
Á boa marcha das vendas ao exterior de Galicia contribúe de xeito moi importante a provincia de Pontevedra, cuxas exportacións medraron un 11,2% no último ano ata superar por primeira vez os 12.000 millóns de euros, e manténdose como a provincia galega con máis vendas ao exterior.
Guldrís incidiu na importancia da cooperación público-privada para seguir a mellorar estas
cifras. Un esforzo conxunto que se materializa en iniciativas como o Galicia Exporta Dixital,
que acaba de abrir unha nova convocatoria dotada con 4,4 millóns de euros e cun gasto subvencionable por empresa entre os 18.000 euros e os 100.000 euros.
O obxectivo do Galicia Exporta Dixital, salientou Guldrís, é permitir ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas
canles de comercialización, e actívase para dar resposta á demanda crecente das empresas galegas para acometer os seus procesos de dixitalización internacional.
Este programa ten permitido ata o de agora impulsar máis de 330 plans de
internacionalización dixital encamiñados á promoción das empresas e os seus produtos en
máis de 90 países, por importe de preto de 12 M€. E só na provincia de Pontevedra, a liña
ten promovido 175 plans de internacionalización cunha achega superior aos 6,4 millóns. O
programa, expuxo Guldrís, compleméntase coas liñas Galicia Exporta Empresas e Galicia
Exporta Organismos Intermedios, que contarán cun orzamento de 7,5M€ para o ano 2022.
Esta serie de accións enmárcanse na nova Estratexia de Internacionalización do Goberno
galego, que ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos
mercados exportadores.
Así, entre outros obxectivos, a Estratexia busca que as compañías galegas multipliquen por tres as exportacións a América do Norte, e dupliquen as súas vendas a América do Sur e Asia, ademais de incrementar en máis dun 25% as exportacións ao Reino Unido. Para acadar ditas metas, contémplase, como primeiro paso, un plan de acción inicial para ata o 2023 que suma máis de 70 millóns para impulsar a recuperación económica do tecido empresarial galego.
Comments