O director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, pregoeiro da XLI Moexmu
- Laura Moure
- 6 abr
- 2 Min. de lectura
Durán sinalou a súa participación como un irmandamento entre este certame e a emblemática feira Abanca Semana Verde de Silleda
Laura Moure/Silleda
O director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, foi este venres o encargado de dar o pregón da XLI Mostra Exposición de Muimenta, Moexmu 2025. Este certame agropecuario, que se converte cada ano nun referente para o sector, celébrase desde o venres ata o domingo na parroquia de Muimenta, no municipio de Cospeito (Lugo). Na súa intervención, ademais de declararse “emocionado” e agradecido por ser elixido pregoeiro, Durán sinalou a súa participación como un irmandamento entre este certame e a emblemática feira Abanca Semana Verde que se celebra anualmente no recinto que dirixe, a Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda.
Dous eventos, destacou, cun amplo percorrido, xa que Moexmu celebrou a súa primeira edición en 1985 e Semana Verde en 1978, que ademais comparten importancia histórica, polo seu papel como motores clave na mecanización do campo galego, e tamén propósito, o de “tender pontes entre o campo de onte, de hoxe e o que está por vir”.

Durán tamén sinalou que a súa vocación como feiras debe seguir sendo a de facer chegar a agricultores e gandeiros o último en tecnoloxía, para facer que o traballo no campo sexa unha opción con presente e futuro e mostrar que pode ser un modo de vida rendible e moderno para as novas xeracións. Así mesmo, mencionou a profesionalización como unha das funcións das feiras e apuntou a súa condición de puntos de encontro entre empresas, provedores, profesionais e Administración, ademais de consideralas unha ocasión para render homenaxe aos “heroes silenciosos” que foron os agricultores e gandeiros de onte.
Lembrou ademais o carácter estratéxico do sector, o cal “guerras e pandemias xa nos ensinaron”, e a consecuente necesidade dun campo forte, produtivo e moderno, pero quixo rematar nun ton máis festivo e subliñou que as feiras son tamén momento de festa con amigos, veciños e compañeiros para comer, beber e crear lazos.
Publicidade
Moexmu 2025
A XLI Mostra Exposición de Muimenta conta desde o veneres ata hoxe, domingo, cunha importante mostra de gando, maquinaria e artesanía, á cal se une un interesante programa de actividades.
Entre esta últimas destacan o XXXIX Concurso de Gando Frisón, a XXXIX Exposición de Raza Rubia Galega, a XXIX Poxa de Gando Selecto, o IV Concurso de Xóvenes Peladores, o XXIV Concurso de Xóvenes Manexadores e o VII Monográfico do Can de Palleiro. Súmanse demostracións de artesáns e actuacións musicais.
Comentários