O deputado Raúl Santamaría anuncia a súa intención de optar á presidencia de Novas Xeracións do PP
- ecosdacomarca

- 16 may
- 3 min de lectura
“Tras a gran etapa de Ana Cristina Pérez, creo que chegou o momento de asumir novas responsabilidades no ámbito da mocidade, co que levo absolutamente comprometido toda a miña vida”, manifesta
Ecos da Comarca/Xeral
O deputado autonómico e concelleiro vilagarcián Raúl Santamaría vén de anunciar a
súa intención de optar á presidencia de Novas Xeracións (NNXX) da Provincia de
Pontevedra no Congreso fixado para o próximo venres 12 de xuño para substituír na
máxima responsabilidade da organización xuvenil á salcedense Ana Cristina Pérez
Cabaleiro tras oito anos dirixindo esta entidade e que chegou ao límite de idade dos
trinta anos.

Raúl Santamaría fixo este anuncio catro días despois de que a xunta directiva
provincial de NNXX activase este proceso congresual e onte mesmo comezou na súa
localidade natal a campaña de recollida de sinaturas entre os militantes para alcanzar
os alomenos 50 apoios que precisa para converterse oficialmente en candidato, posto
que actualmente xa cumpre cos demais requisitos estatutarios.
Tras a busca de avais en Vilagarcía, a intención do tamén presidente local de Novas
Xeracións na capital do Salnés é de facer unha xira por todas as bisbarras da
provincia para explicarlles o seu proxecto aos mozos e mozas do PP e recabar a súa
sinatura co obxectivo de presentar a súa candidatura antes da data de peche, fixada
para o luns 25 de maio.
PUBLICIDADE
“Tivemos unha grandísima etapa de case oito anos con Ana Cristina e hai que darlle
continuidade ao noso proxecto provincial de Novas Xeracións, que é o máis acaído e
cercano á xuventude e por iso creo que chegou o momento de asumir novas
responsabilidades neste ámbito e ofrecerme á miña organización por se considera que
podo ser a persoa que dirixa o futuro”, explicou Santamaría, que salientou que “levo
toda a miña vida absolutamente comprometido coa mocidade”.
O parlamentario galego, que xa está a deseñar o seu novo equipo por se finalmente
acada a presidencia e que recibíu moitos convites de compañeiros para que dese este
paso, considera que esta organización xuvenil “é a que máis que se parece á
xuventude do país e é a que máis escoita e busca solucións para as súas
necesidades, pero loxicamente temos que seguila adaptando aos moitos cambios
sociais que, no caso dos máis novos, son aínda máis grandes que para outros
sectores da poboación”.
PUBLICIDADE
Raúl Santamaría (Vilagarcía, 1998) é Licenciado en Educación Primaria e profesor e sempre tivo unha gran participación na vida pública, posto que preside NNXX de
Vilagarcía desde 2016, é concelleiro da capital arousana desde 2022 e deputado
autonómico desde 2023. Na súa faceta como parlamentario pertence a tres comisións, entre as que destacan dúas con especial vencellamento cos temas que máis importan
á mocidade, como son a de Educación e Cultura e de Sanidade, Política Social e
Emprego.
Polo demais, sempre desenvolveu un gran compromiso coa xente máis nova a través
do asociacionismo, a cooperación e a solidariedade, destacando o seu papel desde o
colectivo Arousa Moza, que precisamente foi o que o levou á súa exitosa participación
televisiva no programa “Reacción en Cadena” cos Mozos de Arousa para conseguir
fondos para un local social para a entidade.
NOTICIA RELACIONADA:
Novas Xeracións do PP en Pontevedra convoca o seu 10º Congreso Provincial para obter nova presidencia: https://www.ecosdacomarca.com/post/novas-xeraci%C3%B3ns-do-pp-en-pontevedra-convoca-o-seu-10%C2%BA-congreso-provincial-para-obter-nova-presidenci








Comentarios