top of page
Foto del escritorecosdacomarca

O deputado Néstor Rego arroupará este venres, día 26, a candidatura que encabeza Carril en Arzúa

O partido nacionalista lamenta "que nin AxA nin PSOE respostasen á proposta de realización dun debate entre candidatas e candidatos"


Ecos da Comarca/Arzúa

O BNG poñerá o ramo á campaña electoral das eleccións municipais en Arzúa cun acto público aberto o vindeiro venres, 26 de maio, ás 9 da noite na Casa Chelo. O Deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, arroupará a candidatura do BNG á Alcaldía de Arzúa neste acto que, ademais da de Rego, contará tamén, coas intervencións de Dani Moscoso, nº 3 da candidatura, Lucía López, nº 2 da candidatura, e de Xoán Xesús Carril, candidato do BNG á Alcaldía de Arzúa.

Desde o BNG convidan “a toda a veciñanza de Arzúa a asistir a este acto, que pon o ramo á xeira de actos públicos que vimos realizando en todas as parroquias arzuás, dando a coñecer o programa de goberno que o BNG ten para o noso concello” explicou Carril. “O vindeiro domingo temos unha oportunidade de ouro para cambiar as cousas en Arzúa votando ao BNG, a única garantía para abrir un tempo novo e pór fin ao abandono e mala xestión dos últimos anos” expresou o candidato nacionalista.


Lamentan a falta de resposta de AxA e do PSOE á proposta de debate

Por outra banda, Xoán Xesús Carril lamentou que “a moi poucos días de rematar a campaña non recibimos resposta dos grupos políticos que forman o actual goberno municipal (AxA e PSOE) á proposta enviada polo BNG o 26 de abril para a realización dun debate público entre todas as candidatas e candidatos” explicou o candidato nacionalista á Alcaldía.

“Lamentamos profundamente que, unha vez máis, o alcalde se agoche e nin sequera dea resposta á realización deste debate. Non sabemos se é que ten medo a debater ou simplemente é unha mostra máis da preguiza e ‘pasotismo’ que amosou este goberno municipal todos estes anos” sinalou Carril.


Desde o BNG lamentaron tamén que “por primeira vez en moitos anos, nesta campaña electoral tampouco se realizasen as entrevistas ás candidatas e candidatos en Radio Arzúa. Outra mostra máis do retroceso ao que o goberno de José Luís García levou a radio pública municipal, que leva, como mínimo, 8 anos sen convocar o Consello da radio” concluíu Carril.




0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page