O delegado do Goberno en Galicia comprométese a intervir para axilizar a mellora da N-640
- ecosdacomarca
- 12 feb
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Deza
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, manifestou o seu compromiso de intervir para axilizar a mellora prevista no pavimento da estrada N-640. Nunha reunión de traballo celebrada onte na Subdelegación do Goberno en Pontevedra, na que participou tamén o subdelegado, Abel Losada, o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e o xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Ángel González del Río, Pedro Blanco recolleu as demandas do municipio termal sobre esta vía.

Publicidade
O delegado sinalou que “unha das nosas principais preocupacións relativas a infraestruturas é o estado dos firmes das estradas”, á vez que incidiu en que “somos especialmente conscientes das necesidades de Cuntis”. Neste sentido, avanzou que xa existe un contrato de servizo de firmes que previsiblemente comezará a executarse esta primavera, afectando a diversos tramos da N-640 en Cuntis e outros municipios de Deza e Tabeirós. Esta actuación permitirá paliar os danos máis graves e urxentes nos pavimentos desta estrada.
Paralelamente, tanto a Delegación do Goberno como a Subdelegación están a realizar xestións para axilizar un contrato de rehabilitación integral do firme da N-640, que actualmente se atopa en fase de redacción por parte do Ministerio de Transportes. Este contrato ten como obxectivo a mellora integral da estrada nacional nas comarcas de Deza, Tabeirós-Terra de Montes e Caldas. Ademais, acordouse acelerar a execución do contrato común de mantemento, que conta cun orzamento de 8 millóns de euros destinado á conservación da N-640 na zona norte da provincia. Estas medidas buscan garantir que esta vía, de alto tráfico, recupere as mellores condicións posibles.
Commentaires