top of page

O Día das Letras Galegas Silleda descubrirá un novo mural dedicado á súa cultura e tradicións

Está deseñado e realizado por Coas Mans Artesanía e contou coa colaboración da asociación SIC Iniciativas Culturais e os Amigos dos Baldreus


Laura Moure/Silleda

O vindeiro 17 de maio a vila de Silleda acollerá a inauguración dun novo mural de arte urbana na vila, enchendo de cor e cariño da súa historia e etnografía as rúas desta localidade unha vez máis. Será a partir das 7 da tarde cando, no muro que pecha o solar que se encontra na Rúa Trasdeza, número 85 de Silleda, caerá o telón que deixará ver por vez primeira a peza dedicada nesta ocasión ao Entroido de Silleda e o seu Domingo de Baldreus.

A creación deste mural, deseñado e realizado por Coas Mans Artesanía, contou coa colaboración da asociación SIC Iniciativas Culturais e os Amigos dos Baldreus. Os convocantes convidan a todas as veciñas e veciños da vila e quen se queira achegar a seren partícipes da posta de longo desta nova figura. Ademais contarán tamén coa presenza -non podía ser doutro xeito- de varios integrantes da Escola de Música de Silleda, que tan importantes foran na celebración do primeiro Domingo de Baldreus de Silleda, aló polo mes de febreiro.

 

"Así pois, na tarde deste 17 de maio, Silleda terá unha nova ocasión de amosar o seu compromiso cos valores culturais e tradicionais do noso pobo e facelo do mellor xeito posible: xuntándose e parolando cos seus veciños", sinala o colectivo.

 

Por outra banda, desde SIC Iniciativas Culturais, queren aproveitar a presentación deste novo mural para anunciar as liñas que marcarán o desenvolvemento do seu entroido, e en particular do Domingo de Baldreus, en vindeiras edicións. Logo do éxito e a boa acollida da edición de 2023 os creadores deste entroido de novo selo queren seguir afondando na idea de crearen un entroido de inspiración tradicional e local e por iso, ao igual que fixeron coa figura do demo de Carboeiro, decidiron que non podían atopar mellor leitmotiv para o seu entroido que o prolífico románico trasdezao.

Así pois, nos vindeiros Domingos de Baldreus, as veciñas e veciños de Silleda non só poderán seguir coñecendo máis e mellor aos Baldreus de Silleda, que ademais na edición de 2024 serán aínda máis e mellor preparados, senón que poderán descubrir tamén novos persoeiros de entroido inspirados directamente nas figuras mitolóxicas presentes nos interiores dos templos de Carboeiro, Ansemil ou Breixa.


0 comentarios

Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page