Laura Moure/Agolada
O día 23 de maio comeza a rodaxe da curtametraxe A vontade do esquecemento dirixida por Raquel Currás Martínez e producida por Cumac Producións. Este proxecto, que é o Traballo de Fin de Grao de tres estudantes, cobrará vida no municipio agoladés.
A curta gravarase os días 23, 24 e 25, e nela poderase atopar diferentes sitios dalgunhas das parroquias do concello como Brántega, Castro (Santa Comba) ou a propia Agolada. A historia trata o tema de como os traumas do pasado afectan ao presente de Sara, a protagonista, e tamén a outros personaxes, podendo estes identificarse entre eles e coas posibilidades que iso conleva, como a sanación ou o maior deterioro dos seus pensamentos.

O equipo técnico está formado na súa gran maioría de estudantes e xente nova que traballa no sector audiovisual. No equipo artístico destaca a presencia da actriz Sara Fandiño, que participa nesta curta dando vida a protagonista do relato. Outro dos actores que participan na curta é Machi Salgado, coñecido por traballos como a serie Fariña (2018) ou A illa das mentiras (2020). Ambos estarán apoiados por Silvia Lorenzo e Vicente Montoto que darán vida a personaxes secundarios, ademais dunha nena do propio concello de Agolada que foi elixida nun casting local que se realizou a finais do mes de abril e principios de maio.
Así, preténdese facer partícipes as persoas da comarca dentro da curtametraxe. O proxecto xa conta coa colaboración e apoio do Concello de Agolada, a Asociación O Parapeto e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. En canto aos patrocinadores hai tanto locais como Ferretería Pascua, Mobles Miguélez, Carnicería Pereiro, Panadería Remigio e Pazo de Anzuxao e coma outros máis coñecidos en toda Galicia como Candelas, Kalékoi, Galletas Daveiga, Orujo de Galicia e Fontecelta.
Comments