top of page

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP visita á firma lalinense Megodeza

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Alí Román Rodríguez manifestou a aposta da Xunta por estender a innovación a todo o territorio galego


Laura Moure/Lalín

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, puxo de manifesto este sábado a aposta do Goberno galego por estender a innovación a todo o territorio, tamén nos ámbitos máis locais e rurais. Así o afirmou durante a visita a firma lalinense Megodeza, especializada en instalacións eléctricas industriais de baixa e media tensión e beneficiaria de liñas de axuda en materia de I+D+i da Axencia Galega de Innovación.


“É fundamental que o traballo a prol da ciencia e da investigación se reflicta en todo o noso territorio, conectando o local co global”, sinalou o representante da Xunta de Galicia, quen remarcou a importancia de seguir reforzando o vinculo entre empresas e centros tecnolóxicos para impulsar a transferencia de coñecemento que repercuta no benestar social e no progreso económico. “Neste camiño é fundamental promover a colaboración público-privada e transformar o tecido empresarial a través da innovación”, engadiu.

O titular de Ciencia, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, sinalou a empresa Megodeza como exemplo dese traballo colaborativo na I+D+i. Desde Lalín, esta firma aposta pola innovación con varias patentes e diversos premios nesta área. Foi beneficiaria dunha axuda de case 124.000 euros a través do programa ConectaPeme polo proxecto Geo4radon, unha bomba de calor xoetérmica que permite a mellora dos sistemas de climatización e a análise da influencia dos sondeos do gas radón.


Como ela, a empresa Proquideza, especializada no deseño e fabricación de especialidades químicas, “tamén é outro exemplo do bo facer neste ámbito, quen leva recibido preto de 390.000 euros a través desta convocatoria para impulsar proxectos innovadores”, dixo Román Rodríguez.


Publicidade    

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Máis de 600 empresas beneficiadas

Estas empresas con sede en Lalín foron beneficiarias do programa ConectaPeme que, desde a súa posta en marcha no ano 2013, mobilizou 200 M€ en máis de 240 proxectos con 600 empresas. Para mellorar esta liña de axudas e seguir creando vínculos entre o tecido empresarial e os centros de coñecemento, a Xunta lanzará nos vindeiros meses a convocatoria Nexos. O conselleiro convidou ás empresas a concorrer a esta liña de axudas, dotada con 20 M€ e coa que o Goberno galego prevé chegar a 50 proxectos e 200 beneficiarios co fin de apoiar proxectos de I+D+i en colaboración con centros de coñecemento.


Entre as novidades da convocatoria destaca a priorización dun número reducido de ámbitos temáticos e a incorporación de custos simplificados na xustificación das axudas, evolucionando así o ConectaPeme. Con esta nova convocatoria o Goberno autonómico quere continuar traballando nesta liña de progreso para que a innovación e a investigación chegue a toda a cidadanía galega.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page