top of page

O concurso de empanadas da Bandeira contará con categoría infantil e con premio á mellor masa

Os críticos gastronómicos Jorge Guitián e Anna Mayer e os chefs Julio Mato, Estefanía Colmeiro e Álex Iglesias destacan nun xurado profesional que puntuará as diferentes elaboracións gastronómicas


Laura Moure/Silleda

Comeza a conta atrás para o inicio da Festa da Empanada da Bandeira (Silleda), que terá lugar do 16 ao 20 de agosto. Con todo, o día grande da cita gastronómica terá lugar o sábado 19 de agosto, xornada na que se se celebrará a súa 47 edición.

A Festa da Empanada da Bandeira nace no ano 1974, cando un grupo de amigos e amigas deciden levar unhas empanadas a unha fermosa carballeira da vila para gozar dunha amigable tarde ao son da música tradicional galega. Esta humilde merenda, que reuniu a unha decena de familias, foi o xermolo dun dos eventos gastronómicos máis importantes de Galicia. Ademais, dende 1975, A Bandeira elixe a mellor empanada do país entre as decenas de creacións que se presentan en cada edición nas diferentes categorías. A competición gastronómica ten como obxectivo por en valor o produto que da nome á nosa festa, a empanada galega, promover a creatividade culinaria e destacar a tradición e variedade, así como o emprego e respecto do produto local e de proximidade.


Como novidade, á tradicional categoría de profesionais, conformada por empanadas presentadas por panaderías e restaurantes, e a de amateur, que conta con empanadas presentadas por particulares amantes da cociña, súmase este ano a de crianzas, pensada para a rapazada de entre 6 e 12 anos. É importante sinalar que non é necesaria a inscrición previa das empanadas senón que estas serán entregadas á organización na propia xornada da Festa da Empanada (sábado), en horario de 11:30 a 13:00 horas na Carballeira de Silva, que será o novo emprazamento escollido para o acto da Empanada 2023. Entre as normas que recollen as bases do concurso atópanse a limitación dunha única empanada por participante, que deberá ser empanada galega. Ademais, garantirase o anonimato das empanadas a través da asignación dun número no momento da inscrición.


Publicidade

Preme na imaxe se queres obter máis información do evento.

Por outra parte, contarase con dous xurados diferenciados:

  • Xurado para as categorías de “Profesionais” e “Amateur”, composto por persoas expertas no sector e persoas de relevancia na vila: Jorge Guitián e Anna Mayer (escritores, divulgadores, críticos, investigadores e columnistas gastronómicos), Begoña Jácome (Pescadería Áncora da Bandeira), Flavia Payno (divulgadora gastronómica e veciña da Bandeira), Estefanía Colmeiro (chef e veciña de Abades) e Julio Mato (chef e colaborador televisivo)

  • Xurado para a categoría “Infantil”, composto ademais por dous cativos de idades similares a dos participantes e con criterio e bo saber no sector: Irene Duro e Enrique García, que estarán acompañados de Mónica González (Concelleira de Cultura e Turismo de Silleda), Bruno Ribeiro (O Muíño de Cuíña) e Álex Iglesias (chef).

Ambos xurados avaliarán as empanadas en base ao seu sabor e presentación, asignando puntuacións do 1 o 10 para cada criterio, sendo a empanada con maior puntuación a declarada gañadora duns premios que este ano serán elaborados por Coas Mans Artesanía de Silleda. Ademais dos premios en cada categoría, na que se elixirá a mellor empanada do país, o xurado entregará tres premios especiais: empanada máis tradicional do país, empanada máis orixinal e empanada coa mellor masa do país, premio incorporado para reivindicar o uso da fariñas tradicionais e de calidade como a elaborada no Muíño de Cuíña dende o ano 1918, empresa que estará representada no xurado.


As empanadas gañadoras no concurso serán posteriormente subastadas entre o público asistente, chegando a alcanzarse os 2.400 euros por unha empanada. Pepe Ayude será a persoa encargada de conducir unha poxa que estará acompañada de actuacións a cargo de Asociación Cultural Xirandola ou o grupo +Qdanza. Ademais, no medio da música e do baile terá lugar o xa tradicional pregón que este ano contará coa participación da xornalista María Lama, presentadora de Las mañanas Kiss na popular radio Kiss FM. Ademais, o acto presentado pola actriz Cristina Collazo e o xornalista Pablo Chichas, contará coa distinción da chef Lucía Freitas coma Valedora da Empanada, título honorífico que non puido recibir o pasado 8 de abril na Gala da Empanada por un contratempo de última hora.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Gastronomía e tradición

Gastronomía e tradición darán paso ao xantar de peñas, amenizada polo grupo Os Varacuncas e a Charanga BB+, que recorrerán a carballeira antes do comezo na Rúa Xeral das orquestras América SL e JB Son. Despois de tanto baile, ben presta outra pouca empanada e por iso, ás 22:00 h dará comezo a xa tradicional cea de peñas na Carballeira da Pomba. Aquí, a animación irá da man da Charanga Os Alecríns e dos Argalleiros. Despois da cea, a música e a festa continúa na Bandeira e desta vez será a orquestra Olympus a encargada de facer as delicias de todos os presentes. Rematada a orquestra, a música continúa da man de Disco Radikal con DJ David Expósito.


Amigos da Empanada anima á veciñanza a reservar o antes posible as mesas para a comida e cea de peñas da Festa da Empanada, que segundo a organización “vai a un ritmo incluso mellor do esperado”. Ademais, os datos das reservas ata o momento confirman o éxito do formato de comida e cea xa que a maioría das persoas asistentes acudirá ao mediodía e quedará nas mesas ata pola noite.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page