top of page

O Concello sinala que está en fase de tramitación o plan para bombear as augas residuais da Madanela

O goberno local de Melide recórdalle á Xunta que a expropiación de terreos para a conexión de augas residuais entre o polígono e a depuradora debe seguir as canles legais


Ecos da Comarca/Melide

Ante as declaracións da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, afirmando no Parlamento de Galicia que Melide aínda non puxo ao dispor da Xunta de Galicia os terreos para a conexión das augas residuais entre o Parque Empresarial da Madanela e a depuradora local, o Concello de Melide quere lembrar publicamente á Xunta de Galicia que a Administración local está a cumprir cos prazos e procedementos legais de expropiación dos terreos necesarios. Na actualidade está en fase de tramitación o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións para bombear augas residuais do Parque Empresarial da Madanela, un documento imprescindible para o proceso de expropiación ao que a Xunta de Galicia só deu o seu visto bo, condicionado a modificacións, pouco antes do mes de agosto do presente ano 2021, tal e como indica o goberno local.

O Consistorio melidense.

O Concello de Melide considera igualmente necesario expor os antecedentes da situación actual para evitar a desinformación e a propagación de medias verdades sobre o proxecto. Nese sentido, lembra que o Polígono Industrial naceu e expandiuse, baixo distintos gobernos locais e autonómicos, sen contar cunha infraestrutura básica como a depuradora. Cando se impulsou o actual proxecto, Augas de Galicia, organismo director do mesmo e dependente da Xunta, determinou a parcela específica máis axeitada para desenvolver a infraestrutura. Esta parcela era propiedade de Xestur, o organismo autonómico de xestión do solo, quen rexeitou a solicitude do Concello para tramitar unha resolución de compra-venda e obrigou a considerar a expropiación como saída forzosa.


Plan Especial

A expropiación require dun Plan Especial xa mencionado, que só puido ser redactado logo de que a Administración autonómica fixese entrega, o 29 de decembro de 2020, do proxecto. Para esta entrega foron necesarias dúas solicitudes previas do Concello, que -malia non contar co proxecto ata 2021 a efectos prácticos- en febreiro deste ano xa redactara e puxera a disposición da Xunta o Plan Especial. "É pois o Concello de Melide a única administración que amosou celeridade neste proceso, ante o silencio ou as dilacións da Xunta de Galicia, e ante a contradición entre dúas entidades autonómicas, Augas de Galicia e Xestur, que por unha banda sinalaban a idoneidade do terreo e pola outra dificultaban a súa adquisición por parte do Concello".


Con todo, o Concello de Melide recoñece que "durante moito tempo Melide ten sido un exemplo negativo na xestión das redes locais de saneamento, tal e como afirma a titular de Infraestruturas. Sen embargo, a responsabilidade desa mala praxe non recae na actual Administración, que ten conseguido desbloquear un proxecto paralizado de facto pola Xunta, senón na desidia na xestión de anteriores administracións locais".

Kommentare


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page