top of page

O Concello remite á Xunta 1.300 firmas recollidas pola ANPA para que arraxen o colexio da Martagona

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

As reclamacións básicas inclúen a construción dun patio cuberto, o arranxo das pistas de xogo e a substitución do muro perimetral


Laura Moure/Melide

O Concello de Melide vén de remitir á atención de Román Rodríguez, conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, un escrito da ANPA do CEIP Martagona que reflicte necesidades urxentes de investimento no centro escolar. O documento acompáñase de 1.279 sinaturas recollidas pola comunidade educativa, así como das de 15 membros do claustro do colexio que apoian a reivindicación nun comunicado.


As reclamacións da ANPA céntranse en tres problemas que o centro arrastra dende hai

uns 15 anos sen que se teñan acometido os traballos de arranxo necesarios. O primeiro

destes problemas é a necesidade de substitución do actual muro perimetral. O seu estado actual é moi deficiente e pode mesmo representar un perigo para o alumnado nalgúns tramos, con desprendementos de formigón e ferro á vista.

O estado do muro deste colexio.

A segunda das reclamacións atinxe ao estado da pavimentación. A falta de mantemento

causou a aparición de fochancas que se reparten polas pistas de xogo utilizadas durante os recreos e nas aulas de educación física, e pola entrada do propio centro. Resultan especialmente problemáticas durante os días de choiva.


Coa choiva ten que ver precisamente a terceira das reclamacións: a construción dun patio cuberto, ante a falta de dispoñibilidade actual dunhas instalacións no centro que permitan

o desfrute do tempo de recreo en días de choiva e frío. O CEIP Martagona conta cun

alumnado formado por 141 persoas, e só os estudantes do segundo ciclo de infantil

dispoñen dun ximnasio para o uso cando as condicións climatolóxicas non son favorables.


Os 110 alumnos e alumnas de educación primaria carecen dun lugar apropiado para o

xogo libre durante o recreo neses días, tendo que empregar corredores e aulas de estudo

onde, como é natural, non poden xogar con balóns nin realizar actividades físicas.

Actualmente, 7.000 metros cadrados dos 8.336 que conforman o solar están en desuso e

poderían ser empregados para a construción do patio.


A ANPA remata o seu escrito convidando ao conselleiro de Educación a visitar as

instalacións e coñecer de primeira man o deteriorado estado de conservación do centro

escolar e as súas carencias.


Reclamacións do Concello

Non é esta a primeira vez en que o Concello de Melide informa á Xunta sobre o deficiente

estado das infraestruturas educativas. O pasado mes de febreiro remitiuse un escrito á

Consellería alertando das eivas estruturais existentes, alén de no propio centro

Martagona, no CEIP Nº1 e no Mestre Pastor Barral. Estas deficiencias foron detectadas

grazas ao contacto constante do Concello coa comunidade educativa.

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Ademais das reclamacións do CEIP Martagona, idénticas ás que agora reiteran dende a ANPA, o Concello informou naquel escrito de que o CEIP Mestre Pastor Barral precisa dun arranxo do tellado para evitar as recorrentes filtracións. Igualmente, precisa que se peche a pista polideportiva cuberta para permitir o seu uso en inverno.


Pola súa banda, no Colexio Nº1 é necesaria a reforma da zona deportiva exterior ante o

mal estado en que se atopa e a obsolescencia do seu equipamento. Tamén se require o

asfaltado da área perimetral, que se utiliza como espazo de recreo, e a reforma dos

baños.


O Concello de Melide continuará en contacto coa comunidade educativa para facer

partícipe á Xunta de Galicia de todas as necesidades existentes nos centros de ensino, e acometendo aqueles traballos de mantemento que resulten da súa competencia.





0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page