Ecos da Comarca/Arzúa
O Concello de Arzúa, a través da Concellería de Igualdade, programou en colaboración co CEIP de Arzúa unha xornada especial para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, cunha actividade que consistiu nunha obra de teatro dirixida ao alumnado de 1º a 6º de primaria. O obxectivo foi visibilizar o papel das mulleres na ciencia e rachar cos estereotipos de xénero.

Así, o alumnado pudo disfrutar da interpretación da peza teatral "Eu son de Ciencias". Unha idea orixinal da compañía Trémola Teatro, recoñecida pola súa traxectoria na creación de formatos pedagóxicos que achegan á infancia e á mocidade cuestións clave sobre igualdade e dereitos sociais.
Publicidade
A concelleira de Igualdade, Lucía López, destaca a importancia de traballar este tema desde a infancia. “Este 11 de febreiro quixemos reivindicar o papel das mulleres na ciencia e fixémolo onde máis urxe: na infancia e na mocidade. Desde pequenas, as nenas vense limitadas por estereotipos que lles din que profesións poden ou non desempeñar. Desde a Concellería de Igualdade pensamos que é urxente que lle transmitamos á nosa rapazada unha mensaxe clara: podedes ser o que queirades, científicas, enxeñeiras, tecnólogas ou matemáticas. O ensino público xoga un papel esencial nesta loita pola igualdade, e desde esta concellería sempre atopará apoio para educar en valores de equidade e xustiza social.”
Desde o Concello de Arzúa quérese agradecer ao CEIP de Arzúa todo o traballo que desenvolven nesta materia e a súa boa disposición para integrar contidos extracurriculares que fomentan a educación en igualdade. O compromiso do ensino público é clave para construír unha sociedade máis xusta e igualitaria, polo que desde a administración local seguirán impulsando iniciativas que visibilicen o papel das mulleres na ciencia e promovan referentes para as xeracións máis novas.
Comments