O alcalde, Manuel Cuiña, advirte que xa se remitiu informe sobre o muro en 2018 e 2020, e que o deterioro actual é preocupante
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda vén de remitir á Dirección Xeral de Patrimonio un informe sobre o mal estado do muro exterior que rodea o claustro de Carboeiro na parte oeste. "O mal estado da construción é cada vez máis preocupante, con visibles desprazamentos das pedras que provocaron xa algún desprendemento".
Dita situación, xa foi advertida polo Concello de Silleda en 2018, retirándose dous anos despois, en 2020, solicitando incluir a súa reparación no último proxecto de restauración do mosteiro que se levou a cabo nese mesmo ano. “Agradecemos que se tivera intervido no mosteiro con reparacións que eran moi necesarias pero o mal estado e o deterioro cada vez máis grande deste muro, é apremiante”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, que advirte que o muro está xusto á carón da zona de acceso dos visitantes ao mosteiro.
Publicidade
O rexedor advirte que o edificio, declarado como Ben de Interese Cultural (BIC) en 1931, precisa de novas intervencións para avanzar na súa recuperación, “polo que xa vimos reclamando que se retome o Plan Director para Carboeiro”, engade. Ademais sinala que o monumento está a recibir cada vez máis visitantes e convertíndose nun reclamo habitual para rodaxes e gravacións de distintos traballos audiovisuais.
O pasado mes de agosto entraron ao mosteiro un total de 3.042 persoas, superando as cifras de anos anteriores.
Publicidade
Novo horario dende hoxe, día 1
Por outra banda, dende hoxe, día 1 de outubro, o mosteiro aplica un novo horario de visita. Así o mosteiro volverá a pechar as súas portas nas xornadas dos luns e estará aberto –de martes a domingo – de 11:00 a 14:30 horas; e pola tarde adiántase a hora de peche, estando a entrada dispoñible de 16:00 a 19:00 horas. Dende o mes de xuño o monumento
estivo aberto todos os días, grazas á incorporación do novo guía contratado a través da liña de axudas da Rede Info Rías Baixas da Deputación de Pontevedra. Este horario aplicarase ao longo de todo o mes de outubro, para pasar a partir de novembro ao horario de inverno.
Comments