Ecos da Comarca/Rodeiro
O PSOE de Rodeiro denuncia que as arcas públicas do Concello "acaban de levar un novo pau por mor da deixadez e a inoperancia do Goberno do PP". Os socialistas aseguran que "o Concello perdeu unha axuda de 32.000 euros procedente do Fondo de Compensación Ambiental, da Presidencia da Xunta de Galicia, por non ter xustificada a tempo esa contía".

O secretario xeral local e candidato á Alcaldía polo PSOE de Rodeiro, José Luis Camiñas, sinala: "Chove sobre mollado en canto á nefasta xestión económica do goberno do PP. Unha vez máis, Rodeiro perde unha oportunidade, nada menos que unha subvención de 32.000 euros, porque o goberno do PP non entende de cumplir prazos, de xustificar axudas e, en xeral, de facer os procedementos axeitadamente para non perder os cartos que a gran maioría dos concellos galegos si aproveitan".
O PSOE lembra que "só nos últimos meses a desfeita económica na que está instalado o PP en Rodeiro suma varios episodios graves". Así, os socialistas lembran que non se puideron empregar os 800.000 euros do remanente de tesourería; "cartos que se as cousas se fixesen ben por parte do Goberno local xa poderían estarse investindo en arranxar unha morea de pistas, pero que quedaron parados porque o Goberno do PP, noutra demostración de ineficacia absoluta, non tramitou convenientemente a modificación necesaria do orzamento". "E, por se con iso fora pouco, Rodeiro terminou o ano sendo o único Concello da provincia ao que o Estado lle retivo fondos (arredor de 30.000 euros) por non ser transparente e non mandar documentación económica imprescindible ao Ministerio de Facenda".
E insiste: "Agora chega o terceiro capítulo de neglixencia económica coa perda dunha axuda autonómica de 32.000 euros. Alguén imaxina perder unha axuda así nunha explotación ou nunha empresa por non dar xustificado a subvención? Sería unha ruina. O problema é que neste caso, como son os cartos de todos, ao Goberno local non lle doen nin lle da importancia. Non se trata dun erro puntual, senón nun xeito de operar basado na incompetencia que xa é marca da casa no PP de Rodeiro".
Dende o PSOE, un partido que xa propuxo facer un goberno de concentración ata as eleccións para poñer freo áo caos no que está instalado no Concello de Rodeiro, pídenlle ao goberno popular que, "en vez de dedicarse a insultar no Facebook e a usar indebidamente a páxina da alcaldía nese portal, se centren en traballar e facer as cousas debidamente. E, se non son capaces de facer algo tan doado como xustificar unha subvención, que pidan asesoramento para facelo. Porque a única realidade é que mentres os outros Concellos aproveitan os cartos, Rodeiro tíraos ao lixo".
コメント