Laura Moure/Palas de Rei
O CEIP de Palas de Rei, coa colaboración do Concello de Palas de Rei, está executando as obras de restauración e mellora das instalacións da biblioteca, asentada na planta baixa do edificio anexo do centro educativo. O colexio vén de iniciarse este ano no PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares) en virtude do cal, recibe financiación para renovar os fondos bibliográficos e tamén para destinalo ao servizo de carpintería.
Os traballos consisten na renovación do chan da biblioteca por tarima flotante así como, a substitución de diversos elementos que conforman a carpintería interior do inmoble e dos que se está encargando Carpintería Josmar. Pola súa parte, o Concello palense colabora nos traballos de acondicionamento do local e pintura interior, así como, na restauración de diversos elementos interiores como radiadores ou mobliliario interno, traballos estes, que están sendo executados polos conserxes e operarios municipais.
O director do CEIP, Julio Alberto Arias, destaca a importancia destas obras para prestar un servizo de calidade e unhas mellores condicións aos nenos e nenas do centro, o que tamén posibilita a ampliación da superficie útil da biblioteca, ao estar a planta baixa do edificio anexo adicada en exclusiva aos servizos da biblioteca. Aproveita tamén, para trasladarlle “o agradecemento do equipo directivo do CEIP ao Concello de Palas de Rei por esta colaboración conxunta que posibilita o desenvolvemento destas obras”.
Comments