"Veciños denuncian levar meses agardando a ser atendidos e sen ser derivados a outros profesionais", asegura o Bloque
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín sinala que "un dos bens máis prezados que temos no concello de Lalín e
por extensión en Galiza, son os nosos maiores, fonte de experiencia e de sabedoría acumulada co paso dos anos, un ben que debería ser coidado por todas e todos, tamén
pola administración e por quen nos goberna. Mais, aínda que se trata dunha poboación que require dunha atención moi especializada e sensible, parece que na capital de Deza,
este colectivo e por extensión as súas familias quedan constantemente esquecidas". O Bloque indica que "o Concello non cubre as baixas dos traballadores deixando o servizo en condicións imposibles de levar a cabo".
"A falla de atención no noso concello é ben coñecida por todos os que precisan de calquera servizo que se relacione coa atención dos máis vellos e que comeza funcionando de xeito precario xa no primeiro elo da cadea, na atención que é prestada
polos traballadores sociais do concello. Pero a responsabilidade non é deles, que realizan
a súa labor coa máxima responsabilidade e eficiencia posible, é de quen non comprende que non teñen capacidade para levar adiante o traballo con garantías se non se conta con
todos e todas, sendo aínda así insuficientes en número", apunta o BNG.
Dende o BNG consideran "un agravio para os habitantes do concello que non se cubran as baixas ou vacacións dos traballadores sociais, deixando aos veciños sen un servizo
básico e moi sensible, creando situacións realmente alarmantes e que non se poden
permitir neste tipo de atención, que debera ser levada a cabo coa maior présa e eficiencia
posible". Os nacionalistas apuntan que levan xa tempo recibindo queixas de veciños e veciñas que se ven totalmente desamparados ao non saber cando nin quen os vai atender, recibindo respostas confusas en moitos casos, "nos que se lles dixo literalmente
que a traballadora social non estaba por motivos persoais e non foron derivados a ningunha outra, quedando nunha lista de agarda que non parece avanzar a xulgar polas semanas de espera que acumulan para simplemente ser recibidos de xeito presencial".
A única maneira coa que os veciños poden combater esta situación, indica o Bloque, "é
presentando reclamacións que semellan non ter resultados, xa que o servizo non está
aínda restablecido e non recibiron ningún tipo de resposta nin explicación dos motivos. A situación de Lalín no referente aos servizos sociais é tan dramática que hai casos que
chegaron a membros do Bloque nos que, afectados polo desleixo do PP, demostraron coa
documentación pertinente ter solicitado o servizo do SAF hai meses para os seus proxenitores, servizo no que desgraciadamente non chegou sequera a tempo a valoración
para ser prestado, xa que a persoa destinataria deste faleceu moitos meses despois sen
ser valorada polos servizos sociais lalinenses".
Publicidade
"A falla de responsabilidade, empatía e boa labor por parte do goberno é o que máis destacan" os nacionalistas na súa crítica, sen saber, apuntan, "que máis ten que ocorrer para que prestemos atención a un servizo imprescindible para os seus destinatarios, as
súas familias e a conciliación destas, lembrando que en Lalín non temos centro de día
público por decisión da Xunta de Galiza e o goberno do concello, temos unhas condicións
precarias nas traballadoras do SAF e non chegamos a ser capaces de valorar aos nosos
dependentes por falla de persoal para poder prestarlle o servizo que merecen e que
pagaron cos seus impostos". Califican a situación "de preocupante e vergoñenta" e esixen
explicacións para aqueles que levan meses agardando a ser atendidos e para todos os
veciños e veciñas afectados. "Feitos estes que diante da ocultación de dicirlle a verdade á
veciñanza para poder saber a que aterse en cada situación particular e familiar afecta
tamén ao servizo de Xantar na Casa e ao de Teleasistencia".
Comments