O Concello mellora o viario de Santa Mariña, en Graba, para facilitar o paso de vehículos de gran tonelaxe
- Laura Moure
- 1 may
- 1 Min. de lectura
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda está a executar obras de mellora nun tramo do viario da zona de Santa Mariña, na parroquia de Graba, co obxectivo de facilitar o paso de vehículos de gran tonelaxe, fundamentais para o reparto de alimentación ou a recollida de leite nas explotacións da contorna. Esta actuación foi solicitada pola veciñanza nas reunións mantidas polo goberno local e dá resposta a unha demanda histórica do rural silledense.

As obras inclúen o retranqueo dun muro pertencente a unha construción antiga, que dificultaba parcialmente a circulación, xa que os vehículos de gran tonelaxe debían facer varias maniobras para pasar sen rascar as edificacións colindantes. O pechamento será reposto con muro de formigón, garantindo a súa estabilidade e adaptándose á nova sección da vía. Así mesmo, vaise canalizar con tubaxe de 30 cm e formigón a cuneta no marxe contrario, o que permitirá ampliar aínda máis o ancho do viario, mellorando as condicións de tránsito e seguridade.
Publicidade
Para o inicio dos traballos foi necesario retranquear os postes da iluminación pública, unha actuación que se puido realizar coa colaboración da Hidroeléctrica de Silleda. A alcaldesa agradece especialmente a rapidez coa que a empresa respondeu á solicitude do Concello, permitindo que esta parte da intervención se resolvese con axilidade.
Publicidade
Desde o goberno local, a alcaldesa, Paula Fernández, que supervisou os traballos, destaca que esta obra supón un novo paso no compromiso coa mellora das infraestruturas rurais, apoiando a actividade agrogandeira e mellorando a calidade de vida da veciñanza.
Comentários