top of page

O Concello licita 'Lalín Infinito', unha plataforma que ofrece servizos informativos personalizados

Os veciños poderán estar informados das novas do Concello, reservar bonos ou entradas para eventos, reservar aparcamento ou ver contidos audiovisuais nunha canle para este fin


Laura Moure/Lalín

A plataforma ‘Lalín infinito’ permitirá contribuír a desenvolver o concepto de visión integral da cidadanía, unha ‘cidadanía 360’, que ofrecerá servizos personalizados aos veciños permitindo mellorar a experiencia dos usuarios na súa relación coa Administración Local e cos servizos da cidade.


O contrato ten como obxectivo o subministro, a instalación, a posta en servizo, o soporte e o mantemento da plataforma ‘Lalín infinito’ e derivados. As propostas presentadas deberán incluír todo o hardware, o software e os servizos profesionais necesarios para a posta en funcionamento e a operativa dos diferentes compoñentes da solución.

Eses compoñentes son a plataforma ‘Lalín infinito’ en si, con infraestrutura que inclúan o portal web e a APP ‘tarxeta cidadá virtual’, un módulo de información para a cidadanía, un módulo de reserva de bonos e de entradas para eventos, un módulo de xestión intelixente do ‘Aparcadoiro Europa’, un xestor de contidos audiovisuais e os propios contidos dixitais de toda a plataforma.


O importe total do contrato é de 377.562 euros, é dicir, de 312.035 máis 65.527 de IVE, e incluirá o subministro, a instalación e a posta en marcha da plataforma ‘Lalín infinito’ e das súas derivadas, e o mantemento da solución durante 3 anos. O prazo de presentación de ofertas remata o día 28 de xullo de 2022 as 10:00 horas.


Plan de transformación dixital

‘Lalín infinito’ nace como parte da planificación do vector estratéxico ‘Cidade Intelixente’ da EDUSI, tras a elaboración, por parte do Concello, con fondos e medios propios, do ‘Plan de Transformación Dixital’ que permitiu identificar e definir as actuacións a realizar no ámbito da e-administración e da Smart City.


O Concello de Lalín ve na conxuntura actual unhas oportunidades e necesidades que hai que fomentar e que recolle no devandito ‘Plan de Transformación Dixital’. Entre elas búscase empregar as novas tecnoloxías como dinamizadoras da participación cidadá; facilitar á veciñanza información actualizada, completa e relevante do Concello; facer máis accesibles os trámites administrativos; simplificar e mellorar o acceso da cidadanía ás instalacións e aos servizos municipais; e, por último, ampliar os sistemas Smart City implantados no Concello.


Todas esas oportunidades transformáronse nesta licitación da plataforma ‘Lalín infinito’, xa que coa súa implantación deberase incluír un portal web e unha APP que se poida empregar coma a ‘tarxeta cidadá virtual’ de Lalín, que permita mellorar a transparencia facilitando o acceso aos contidos do Concello de maneira eficiente e que mellore os servizos públicos coma a xestión de reservas de eventos e a xestión de zonas de aparcadoiro.


A plataforma ‘Lalín infinito’ permitirá a interconexión de todas estas utilidades facilitando o control e a xestión centralizada de toda a información. Así o usuario, tras rexistrarse, poderá adquirir entradas para eventos do Concello; información turística que poña en valor o patrimonio natural e cultural de Lalín; toda a información destacada do Concello para a cidadanía no referente a actos, accesos e servizos; acceso ao ‘Aparcadoiro Europa’, enlace a todas as aplicacións municipais de interese e acceso a un módulo de contidos audiovisuais.

Preme na imaxe se quere contactar connosco!

As novas que se atoparán os usuarios estarán dirixidas aos veciños, aos turistas e a outros colectivos e completaranse con recursos multimedia. Ademais disporase na plataforma de avisos e alertas que permitirá aos usuarios xestionalas e consultalas. No relativo ao aparcamento, ‘Lalín infinito’ disporá de información pública sobre o grao de ocupación para poder acceder ao ‘Aparcadoiro Europa’.


Estratexia DUSI

A plataforma ‘Lalín infinito’ englóbase dentro do Obxectivo Temático 2 da EDUSI, que busca ‘Desenvolver o uso e a calidade das TICS e mellorar o seu acceso’. Como obxectivo estratéxico a plataforma intenta apostar polas TICs como eixo vertebrador da ‘Estratexia urbana de Lalín’. E para iso búscase modernizar a Administración electrónica e os servizos públicos de Lalín a través das TIC, impulsando a integración das TIC na mellora da prestación dos servizos públicos e na relación coa cidadanía; e potenciando o desenvolvemento de Lalín coma unha Smart City, ben sexa impulsando o deseño dunha estratexia global de “Open Government” ou apostando pola implantación do concepto Smart na cidade de Lalín.


Ademais, dende o Concello, pretenden mellorar o uso e a calidade das tecnoloxías da información e da comunicación e o seu acceso. A través deste obxectivo, búscase facer máis fácil e transparente a accesibilidade aos servizos municipais para todos os/as lalinenses, apostando pola súa eficiencia e impulsar a conversión da cidade de Lalín nunha ‘Cidade Intelixente’ en todos os ámbitos e sectores.


A necesidade de levar a cabo este contrato, derívase do ‘Plan de transformación dixital Lalín 2019-2022’ orientado a deseñar un marco operativo de actuación que guíe a posta en marcha de actuacións que avancen na transformación dixital do concello de Lalín nos vindeiros anos e elaborado tomando como referencia os principios estratéxicos plasmados no vector ‘Cidade Intelixente’ da EDUSI ‘Lalín SSuma21’, que identifica dúas oportunidades para favorecer a transparencia e a relación cos cidadáns: unha, actualizar e mellorar os espazos virtuais do Concello e empregar as posibilidades das novas tecnoloxías para dinamizar a participación cidadá; e outra facilitar á cidadanía información actualizada, completa e relevante.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page