O alcalde, Manuel Cuiña, anunciou que o paso elevado xunto á entrada ao CEIP de Silleda na rúa da Estación se acometerá nos vindeiros meses
Laura Moure/Silleda
O pasado mércores celebrouse nas dependencias do Concello de Silleda un encontro con representantes do goberno municipal e da ANPA Raparigos do CEIP Plurilíngüe de Silleda no que se abordaron distintas cuestións. Así falouse da seguridade no entorno do centro, incluído na mellora da rúa Progreso, un tramo que ademais de contar con velocidade reducida virá a contar con prioridade peonil.
O alcalde, Manuel Cuiña, presente no encontro xunto ca concelleira de Educación, Ángela Troitiño, e a concelleira Pili Peón, avanzou que o paso elevado da rúa da Estación, fronte á entrada ao CEIP que se vén reclamando dende hai tempo se acometerá nos vindeiros meses, “toda vez que a rúa da Estación pasou a ser titularidade municipal”, sinalou.

Por outra banda, na reunión tamén se falou de colaboración en ámbitos como a conciliación familiar, relativas ao Servizo Lúdico Educativo do Concello de Silleda. Ademais de solicitar máis prazas, dende a ANPA volveuse a plantexar o servizo de madrugadores, se ben dende o Concello se explica que o baixo número de demandas fixeron inviable ata o de agora a súa implantación.
No encontro, solicitado pola ANPA, tamén se trataron outros temas relacionados coa colaboración entre o colectivo e o Concello, que está a colaborar prestando as súas instalacións e medios para a realización de distintas actividades organizadas dende esta asociación, entre outras liñas de colaboración.
Obras da Consellería nos centros
Por outro lado, dende o Concello de Silleda contactarase coa delegación da Consellería de Educación a fin de que se axilicen as obras anunciadas o pasado mes de maio polo concelleiro nos tres centros públcios de Silleda. No caso do CEIP de Silleda, só se acometeu a reposición da cuberta do edificio de infantil, mentres urxen actuacións como a reforma integral dos aseos.
O alcalde, Manuel Cuiña, que agradece o interese do colectivo, agarda que os traballos comprometidos por Educación –titular dos centros- se acometan no menor prazo de tempo posible.
Comments