No cómputo entran só as cen trampas que colocou a empresa Serpa, pero repartíronse outras mil entre os veciños
Laura Moure/O Pino
Máis de 1.400 raíñas de avespa velutina leva capturadas Serpa Galicia desde que comezou a campaña de extinción no Pino a finais de marzo. Esta empresa colocou cen trampas en lugares estratéxicos do municipio e revísaas cada 15 días para comprobar a súa efectividade e renovar o atraínte. A campaña iniciouse o 29 de marzo coa colocación dos puntos de trampeo, logo de estudar as mellores localizacións atendendo a unha posible maior incidencia ou porque resultaran máis perigosos para a veciñanza. Escolléronse así árbores en floración e lugares próximos a regatos, igrexas ou ao Camiño de Santiago.
Ata o momento realizáronse tres recollidas, a última o pasado luns, que deron como resultado un total de 1.404 raíñas capturadas (retiráronse 480 o 12 de abril, outras 633 o 26 de abril e, por último, 291 o 10 de maio). Quedan aínda por facer tres recollidas máis.
Os técnicos aproveitan estas visitas ás trampas que teñen xeolocalizadas para repoñer a mistura que atrae as avespas e facer axustes coa fin de aumentar a súa efectividade, por exemplo cambiando a lugar de colocación polos cambios na floración.
Mil trampas para os veciños
Ademais deste labor directo da empresa de extinción, a campaña complétase con outro milleiro de trampas que o Concello repartiu entre os veciños. Xunto coas mesmas, os particulares recibiron instrucións para replicalas e facer atraíntes caseiros. Coa fin de que non queden abandonadas, Serpa Galicia resolve as súas dúbidas por Whatsapp e anímaos a mandar fotos das capturas que fan.
Pablo Iglesias, responsable da empresa, sinala, non obstante, que o seguimento por parte dos veciños é bastante escaso. “Apúntanse moitos, pero logo deixan as trampas sen atender, sobre todo se non ven resultados inmediatos”, explica. Insiste en que non vai haber avespas se vai frío e que é moi importante revisar o atraínte e repoñelo. “Aínda que a mezcla que se fai nas casas pode ser menos efectiva ca nosa, compénsano poñendo máis trampas”, manifesta.
Conta Pablo Iglesias que na última recollida constataron que están empezando a aprecer obreiras de primeiro panal. Por iso, urxe os veciños a revistar voladizos de tellados, hórreos e galpóns.
Comments