top of page

O Concello do Pino e Apaca animan a veciñanza a poñer microchip e esterilizar cans e gatos

Habrá descontos importantes nos prezos, que serán gratuítos para familias con escasos recursos

Freiría, Taboada e Piñán, onte, durante a asinación do convenio.


Laura Moure

O Concello do Pino e a Asociación Protectora de Animais do Camiño (Apaca) veñen de por en marcha a primeira campaña de esterilización e identificación de cans e gatos que se desenvolve nun concello do rural galego. O obxectivo é evitar as camadas non desexadas, reducir a poboación de cans e de gatos, ter aos cans identificados co microchip (como esixe a lei) e evitar problemas xinecolóxicos nas femias. A clínica veterinaria Arsovet, de Arzúa, colabora nesta campaña, que se desenvolverá ata o 26 de marzo.


Este Concello e Apaca asinaron un convenio polo que establecen descontos superiores ao 40% para aquelas persoas que queiran acollerse a esta campaña ben esterilizando cans e gatos, ben poñéndolle o microchip aos cans, ou ambas as dúas opcións. O convenio establece que as familias con escasos recursos ou risco de exclusión (que conten cun informe dos Servizos Sociais municipais) poden acollerse gratuitamente a esta campaña, ou pagar uns prezos simbólicos.


“Queremos baixar a sobrepoboación de cans e gatos, e que todos os cans teñan microchip, para facilitar a súa identificación en caso de que se perdan”, explicaba Santiago Piñán, presidente de Apaca. O alcalde, Manuel Taboada, incidía en que cando o Concello ten que recoller un can abandonado, “se leva o microchip, podemos localizar ao seu propietario en poucos minutos para devolverlle o animal. Se non o leva, resulta moi complicado, e o Concello ten que asumir o incremento de custo para ter recollido o can”.

Para participar nesta campaña, as persoas interesadas poden mandarlle un correo electrónico a asociación (apaca@paradoxahumana.com) ou chamar ao teléfono 604 028 306. Dende Apaca explicarán o procedemento a seguir, e incluso se comprometen a visitar o domicilio e facilitar toda a información necesaria.


Clínica Arsovet de Arzúa

A esterilización ou colocación do microchip farase na clínica Arsovet de Arzúa, “que ofrece uns prezos moi competitivos, cunha rebaixa superior ao 40% para esta campaña”, indicou Santiago Piñán. “O microchipeado dos cans e o control da reprodución de cans e gatos é unha obriga dos propietarios dos animais”, indica Raquel Freiría, xerente de Apaca, quen recorda que unha familia non pode ter máis de cinco cans na casa.


Con esta campaña queremos tamén “evitar un problema no Camiño de Santiago”, onde sempre aparecen moitos cans abandonados ou que seguen aos peregrinos e logo se perden e representan un sobreprezo para os Concellos, que debemos recollelos, localizar aos seus donos e coidalos”, engade Taboada.


Raquel Freiría recorda que ter cans sen identificar ou deixar que os animais de compañía se reproduzan descontroladamente, pode implicar sancións de ata 5.000 euros. Apaca financia esta campaña “coa recadación que obtemos da venta do libro Códex Canino, un manual de boas prácticas para facer o Camiño de Santiago con animais”, engade a xerente da asociación.


Manuel Taboada recorda que nesta campaña poden participar todos os veciños empadroados no Pino que o soliciten.



0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page