Haberá varios premios e as persoas interesadas poderán inscribirse entre o 2 e o 13 de decembro
Laura Moure/O Pino
O Concello do Pino pon en marcha o I Concurso de Decoración do Nadal, unha iniciativa que busca fomentar a creatividade e participación activa da veciñanza, contribuír á creación dun ambiente decorativo especial e acolledor para as festas, e contribuír ao aforro económico ao redor de materiais reciclábeis.
Este certame está dirixido tanto a particulares como a colectivos, ofrecendo dúas categorías de participación:
Familiar: destinada a decoracións realizadas en balcóns, ventás, portas, fachadas ou xardíns exteriores de vivendas particulares.
Colectiva: para comercios, asociacións, barrios ou comunidades que elaboren montaxes decorativas en espazos públicos como rúas, prazas ou áreas de lecer.

As decoracións deberán estar relacionadas coa festividade do Nadal e os motivos tradicionais, destacando a orixinalidade, o uso de materiais reciclables e a capacidade de
transmitir valores locais.
As persoas interesadas poderán inscribirse entre o 2 e o 13 de decembro de 2024,
presencialmente no Rexistro do Concello ou a través da sede electrónica
(https://opino.sedelectronica.gal/info.0 ). Para formalizar a participación será necesario
presentar a ficha de inscrición e tres fotografías do proxecto decorativo.
As montaxes deberán permanecer expostas entre o 21 de decembro de 2024 e o 8 de
xaneiro de 2025. Ademais, no caso de proxectos colectivos, deberá permitirse o acceso gratuíto da poboación aos espazos decorados. O xurado estará composto por persoas do ámbito cultural, técnico e artístico do Concello, que valorarán o deseño, a orixinalidade, a iluminación, o uso de materiais reciclables e o contido educativo das decoracións.
Publicidade
Os premios, que se entregarán durante a Cabalgata de Reis o día 5 de xaneiro de 2025 no
pavillón municipal de Reboredo, serán os seguintes:
Categoría Familiar: 1º premio 300 €, 2º premio 200 €, 3º premio 100 €.
Categoría Colectiva: 1º premio 300 €, 2º premio 200 €, 3º premio 100 €.
As bases completas do concurso e os formularios de inscrición están dispoñibles na páxina web do Concello do Pino. Para máis información ou consultas, as persoas interesadas poden dirixirse ao correo correo@opino.gal O Concello do Pino anima a toda a veciñanza e colectivos locais a participar neste certame, contribuíndo a crear un ambiente de Nadal que reflicta a identidade e o espírito da comunidade.
Comments