O Concello do Pino abre o 20 de xuño a tempada da Piscina Municipal de Lameiro
- Laura Moure

- 17 jun
- 2 min de lectura
Os abonos xa poden adquirirse a través da aplicación municipal
Laura Moure/O Pino
O Concello do Pino abre este sábado, 20 de xuño, a Piscina Municipal de Lameiro, que permanecerá en funcionamento durante toda a tempada estival en horario de 12:00 a 20:00 horas, de luns a domingo.
As persoas usuarias xa poden adquirir os seus abonos e entradas a través da aplicación
municipal e da plataforma de reservas online habilitada para a xestión do acceso ás
instalacións. Unha vez rexistradas, poderán mercar os bonos ou entradas correspondentes
e reservar a franxa horaria na que desexen acceder á piscina.

O acceso ás instalacións continuará realizándose mediante o sistema electrónico de control habilitado na entrada principal. Ademais, existe unha porta auxiliar destinada exclusivamente a persoas con mobilidade reducida e acompañantes con carros de bebé.
As persoas abonadas poderán acceder dúas veces ao día, unha en horario de mañá, entre
as 12:00 e as 15:00 horas, e outra en horario de tarde, entre as 16:00 e as 20:00 horas.
Pola súa banda, as persoas que adquiran unha entrada puntual poderán realizar un único
acceso por cada entrada.
Tarifas adaptadas para residentes e familias
A entrada diaria terá un custo de 3,60 euros. Os bonos individuais para persoas
empadroadas no Concello do Pino serán de 12 euros para adultos e 6 euros para menores
de 16 anos. No caso das persoas non residentes, os importes serán de 24,04 euros e 12,02 euros, respectivamente.
PUBLICIDADE
Haberá tamén bonos familiares para as persoas empadroadas no municipio, co obxectivo de facilitar o acceso das familias ás instalacións durante os meses de verán. Ademais, as persoas que residan temporalmente no Concello durante o período vacacional poderán beneficiarse das mesmas tarifas que os residentes, previa comprobación dos servizos técnicos municipais.
A programación de verán inclúe tamén cursos de natación para nenos, nenas e persoas adultas. As sesións desenvolveranse de luns a xoves en horario de 12.30 a 13.15 horas e os grupos organizaranse en función da idade e do nivel das persoas participantes. Para participar nestes cursos será necesario dispoñer previamente dun abono da piscina.
Aquagym, nova proposta para este verán
Como novidade desta tempada, a Piscina Municipal de Lameiro incorporará sesións
gratuítas de aquagym todos os venres, desde o 26 de xuño ata o último venres de agosto,
en horario de 18:00 a 19:00 horas.
As persoas interesadas deberán comunicar a súa participación ao monitor entre 15 e 20
minutos antes do comezo da actividade. Cada sesión contará cun máximo de 20
participantes.
PUBLICIDADE
Por outra banda, as persoas titulares do Carné Xove poderán beneficiarse todos os xoves
dun desconto do 25 % na entrada puntual ou diaria a piscina, previa acreditacion ou
verificacion na área de deportes do Concello do Pino.
Para resolver calquera dúbida relacionada cos abonos, reservas ou funcionamento da
piscina, as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa Área de Deportes do
Concello do Pino no teléfono 981 511 002 (extensión 6), de luns a venres en horario de
mañá. Desde o Concello do Pino animan á veciñanza a desfrutar dunha nova tempada de verán na Piscina Municipal de Lameiro, unha das principais instalacións deportivas e de lecer do municipio durante os meses estivais.








Comentarios